Publicado no BOP a aprobación da Ordenanza reguladora do servizo do velorio municipal de Piñor

Ao non se ter presentado reclamacións durante o prazo de exposición ao público, queda automaticamente elevado a definitivo o acordo plenario inicial aprobatorio da modificación da Ordenanza reguladora do servizo do velorio municipal, cuxo texto íntegro se fai público, para o seu xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Ordenanza reguladora do servizo do velorio municipal

AVANTAR ACTIVIDADES

Capítulo I.- Disposicións xerais Artigo 1.- Obxecto e fundamento legal.

1.- Este regulamento do velorio municipal ten por obxecto regular a prestación polo Concello de Piñor do servizo funerario de velorio, servizo de competencia municipal determinado no artigo 25.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada no artigo primeiro da Lei 27/2013, de 27 decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

2.- En virtude do disposto no artigo 3 do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia, entenderase por velorio todo establecemento habilitado como lugar de etapa do cadáver entre o lugar do falecemento e o de destino final, suficientemente acondicionado para a exposición dos cadáveres.

3.- Para os aspectos non regulados neste regulamento será de aplicación supletoria o Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia, e no seu caso as disposicións aplicables da Lei 14/1986, xeral de sanidade.

Capítulo II.- Instalacións Artigo 2.- Localización e requisitos legais.

1.- O velorio municipal é unha instalación propiedade do concello situado no lugar de Albarona.

2.- O inmoble e instalacións afectadas ao devandito servizo público teñen a consideración de ben de dominio público afecto a un servizo público.

Artigo 3.- Dependencias As instalacións de que consta o inmoble son as seguintes: – Acceso público: 17,50 m². – Cámara 1: 7,70 m². – Sala 1: 45,75 m². – Cámara 2: 7,60 m². – Sala 2: 18,40 m². – Aseos: 10,10 m². Capítulo III.- Usuarios do servizo

Artigo 4.- Usuarios. 1.- Calquera persoa, xa sexa física ou xurídica, poderá solicitar os servizos do velorio municipal, debendo obter información sobre as dependencias, servizos e atencións dispoñibles, así como das tarifas aplicables

2.- Terán a condición de usuarios as persoas que soliciten o servizo de velorio, sen discriminación ningunha por calquera condición ou circunstancia persoal ou social. En consecuencia, serán de igual aplicación a todos os cidadáns aqueles requisitos que a lexislación vixente estableza para a prestación dos servizos.

3.- Os familiares ou persoas relacionadas co defunto tramitarán a súa solicitude de uso do velorio a través da empresa funeraria da súa libre elección.

Artigo 5.- Dereitos e deberes dos usuarios.

1.- Son dereitos dos usuarios do servizo: – O uso do velorio en condicións de hixiene e habitabilidade adecuados durante o tempo autorizado polo concello. – Esixir a prestación dos servizos coa dilixencia, profesionalidade e respecto esixidos pola natureza da prestación. – Recibir os servizos en condicións de respecto e intimidade, á dignidade, ás conviccións relixiosas, filosóficas ou culturais e á dor das persoas afectadas. – Ter acceso aos servizos en condicións básicas de igualdade. – Formular cantas reclamacións estimen oportunas, que deberán ser resoltas no prazo máximo de 30 días hábiles, agás que por específicas circunstancias sexa necesario un prazo maior. – Os demais dereitos recoñecidos pola normativa de aplicación.

2.- Son deberes dos usuarios do servizo: – Pagar as tarifas establecidas legalmente. – Comunicar as datas e horas previstas para o traslado do cadáver. – O acatamento das instrucións que, en cumprimento deste regulamento ou da normativa xeral reguladora, lles sexan dadas polo concello. – Respectar e usar adecuadamente as instalacións do velorio e mobiliario existente. – Poñer en coñecemento do concello a existencia de calquera deficiencia ou deterioración. – Observar en todo momento un comportamento adecuado, de acordo co establecido neste regulamento. – O pago dos danos ocasionados ás instalacións mediando dolo ou culpa.

Capítulo IV.- Xestión do servizo Artigo 6.- Modalidade de xestión do servizo.

1.- O servizo de velorio municipal é un servizo público de titularidade municipal que se xestionará de forma directa.

2.- O concello asumirá a xestión do servizo conforme ao que se determina neste regulamento.

3.- Os familiares ou persoas relacionadas co defunto tramitarán a súa solicitude a través da empresa funeraria da súa libre elección.

4.- O concello, como titular do velorio, prestará o servizo, será o encargado de asumir a correcta organización da prestación, coidado, limpeza, acondicionamento, mantemento e vixilancia das instalacións e mobiliario, garantir un adecuado nivel de hixiene e o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade e hixiene no traballo. Correspóndenlle tamén ao concello as funcións de abrir e pechar o velorio no horario establecido, durante a permanencia do cadáver neste.

5.- O concello concederá autorización para ocupar as cámaras e salas do velorio, sendo a primeira empresa funeraria que llo comunique ao concello a que teña prioridade para elixir sala.

6.- Á empresa funeraria que realizou o traslado do cadáver ata o velorio municipal, correspóndelle introducir o féretro, coroas e demais elementos que acompañen ao cadáver nas dependencias do velorio, para o seu velado polos familiares e traslado do féretro ata o vehículo fúnebre para a súa inhumación. Estas funcións, en sentido inverso, serán tamén realizadas pola empresa encargada da retirada do cadáver para a súa inhumación.

7.- Serán funcións das empresas funerarias as relativas á ornamentación do túmulo, xestións e tramitación de documentación relacionada exclusivamente co acto do falecemento ou coa inhumación do cadáver.

8.- O control do tráfico o día do traslado do cadáver para a súa inhumación, correrá a cargo do concello.

Artigo 7.- Horario e atención ao público.

1.- O velorio permanecerá aberto e en servizo desde o momento en que sexa requirido o depósito do cadáver e ata que teña lugar a súa inhumación. En particular, o servizo específico de “vela de cadáveres” prestarase ordinariamente en horario comprendido entre as 10:00 horas e as 22:00 horas.

2.- Será obrigatorio o uso do velorio sempre que así veña disposto polas autoridades sanitarias ou veña establecido en disposicións legais.

3.- O concello dispoñerá de follas de reclamacións a disposición dos usuarios, debendo anuncialo mediante carteis visibles ao público.

4.- O concello velará pola boa orde do servizo, para o que poderá ditar as instrucións que considere necesarias.

Artigo 8.- Libro de rexistro de servizos.

O concello levará un libro de rexistro de servizos, no que, por orde cronolóxica e permanentemente actualizado, se inscribirán todos os servizos que se presten nel, tal e como dispón o artigo 36 do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia.

Artigo 9.- Mantemento e conservación. O concello conservará en perfecto estado as instalacións, realizando as reparacións que fosen necesarias.

Artigo 10.- Devindicación e pagamento das taxas. Contémplase no artigo quinto da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización do velorio municipal de Piñor.

Esta modificación entrará en vigor a partir da súa publicación no BOP de Ourense e permanecerá vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa. Documento asinado electronicamente por don José Luis González Rodríguez, alcalde do Concello de Piñor.