As axudas da Deputación de Ourense a autónomos e Pemes son legais

Rolda de prensa de Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense):

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, afirma que “Rodríguez Villarino xa non pode quedar máis en evidencia, e pídolle que cumpra os acordos da Deputación e que se vaia”

Baltar compareceu en rolda de prensa tras coñecerse onte que o Estado non ve irregularidades nas axudas pola crise do COVID-19, concedidas pola Deputación a autónomos e Pemes, aos que felicita afirmando: “Seguiremos defendéndoos contra os que pretenden atacalos”

AVANTAR ACTIVIDADES
Rolda de prensa de Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense):

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou hoxe en rolda de prensa que as axudas a autónomos e Pemes da provincia, concedidas pola institución provincial para facer fronte á crise económica do COVID-19 “son legais”. Neste sentido, afirmou que “Rodríguez Villarino non pode quedar máis en evidencia, e pídolle que cumpra os acordos da Deputación e que se vaia”, dixo, exhibindo un documento no que se revela que o propio portavoz do PSOE na Deputación “foi quen compareceu na Subdelegación do Goberno en Ourense para reclamar que se investigasen as axudas”, e sinala que o devandito documento “está asinado polo propio subdelegado do Goberno”, comenta Baltar.

Manuel Baltar compareceu hoxe tras coñecerse onte que o Estado non ve irregularidades nas axudas pola crise do COVID-19, concedidas pola Deputación de Ourense a autónomos e Pemes, aos que o presidente do goberno provincial felicita afirmando: “Seguiremos defendéndoos fronte aos que pretenden atacalos, porque Ourense gaña e Villarino perde; queda clara a legalidade das axudas”.

Baltar lembrou que Rodríguez Villarino “non só non votou a favor das devanditas axudas senón que as denunciou, sendo un caso único en Europa, pois non hai máis que ver as iniciativas que a Comisión Europea aprobou durante a pandemia: 1,8 billóns de euros en axudas específicas para empresas, e a ninguén se lle ocorreu cuestionalas, só a Rodríguez Villarino en Ourense, e o que é peor: o subdelegado do Goberno fíxolle caso”.

En relación ao fondo da cuestión, Manuel Baltar saúda que esas axudas, xa ingresadas por autónomos e Pemes, se poidan dedicar á reconstrución económica da provincia, e no relativo á forma, pregúntase “por que esta cuestión non se resolveu antes das eleccións; por que non se soubo antes que estas axudas eran legais?”, e engade: “Terá algo que ver con iso o subdelegado do Goberno?”, sospeitando que este retraso “podería ter intereses electoralistas”.

“Como dixemos desde o principio, neste caso non houbo transparencia e si ocultación de información, tal e como comprobamos”, comenta Baltar, expresando: “Por que non se nos dixo que foi Rodríguez Villarino quen compareceu fisicamente na Subdelegación do Goberno?, e denuncia que esta persoa “recibiu un trato de favor, xa que se lle fixo caso a un requirimento verbal. “Gustaríame saber se calquera persoa pode ir a calquera Subdelegación do Goberno, pedir unha cita co subdelegado, dicirlle de viva voz que faga un trámite e que este -o subdelegado- acate esa petición. Aquí estamos diante dunha evidente utilización partidista da Subdelegación”, afirma Baltar.

“Este feito é o suficientemente grave como para se cumpran os acordos da Deputación de Ourense, que son: dimisión de Rodríguez Villarino como deputado provincial e como concelleiro do Concello de Ourense”, expresa Baltar, advertindo que contra a resolución de arquivo de actuacións “cabe recurso, e imaxínome que Villarino, como supoño que non estará satisfeito porque os autónomos non teñan que devolver as axudas, presentará recurso”.

Manuel Baltar subliña que Rodríguez Villarino “conseguiu algo inédito: que todos os representantes do ámbito empresarial ourensán, autónomos, comerciantes e a CEO, coincidisen en criticar esta actitude indigna”, unha actuación á que se une “a deriva na que está instalado desde hai tempo e que levou á súa formación política na Deputación a non comparecer no Debate sobre o estado da provincia; a que votase en contra da comisión “Ourense Futuro” e da reclamación unánime da FEMP ao Goberno para que non se incaute do remanente de tesourería dos concellos para dedicalo a outras cuestións”, sostén Baltar, a quen chama a atención que a única iniciativa política que Villarino presentou nestes duros meses na Deputación “fose para que se lle concedese a compatibilidade para exercer como profesor asociado na Universidade de Vigo. Non lle preocupaban as conexións ferroviarias, as axudas, os plans de loita contra o desemprego… Só loitar pola súa situación persoal. É un  anti-Ourense”, conclúe Manuel Baltar, afirmando que, mentres tanto, “nós seguiremos defendendo ás Pemes e aos autónomos”.