O alcalde de Laza, Jesús Blanco, renuncia ante a conivencia entre o PP e os seus ex-socios de goberno de Xuntos por Laza que buscan bloquear o futuro do municipio

O ata o de agora rexedor socialista toma esta decisión “polo ben de Laza e a veciñanza” e ante a “pinza obstrutiva” creada por populares e os representantes de En Marea co fin de botar abaixo calquera proposta de progreso

Dende a organización do PSdeG-PSOE de Ourense destacan o “traballo honesto” de Blanco para cambiar o futuro de Laza e acusan a Baltar de estar detrás desta manobra para “mercar vontades” e “manter o sistema caciquil e clientelar ao que nos teñen acostumados”

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde de Laza do PSdeG-PSOE de Ourense, Jesús Blanco Conde, ven de presentar por escrito a súa renuncia formal como alcalde do municipio ante a situación vivida nos últimos meses, na que se destapou a conivencia entre o Partido Popular de José Manuel Baltar e os seus ex-socios de goberno de Xuntos Por Laza, co único fin de bloquear o futuro do concello. Blanco Conde decide dar un paso ao lado alegando que o fai “polo ben de Laza e a veciñanza” e ante a “pinza obstrutiva” creada polos populares e as Mareas para botar abaixo todas as actividades e propostas de progreso que pretendían levar a cabo os socialistas no municipio. O ata o de agora rexedor pon como exemplo o pleno do pasado 9 de xaneiro onde afirma que “saíu a palestra a verdadeira faciana dos representantes de En Marea”, que votaron xunto co PP dúas urxencias en sendas mocións que non eran e “culminaron esta maridaxe” co rexeitamento dos orzamentos.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense queren destacar o “compromiso encomiable” de Jesús Blanco, do que afirman “traballou con honestidade” para cambiar o futuro de Laza, despois de varias décadas de goberno “feudalista” do Partido Popular. Os socialistas acusan a José Manuel Baltar de estar detrás desta “nova artimaña política” para “mercar vontades” e “manter o sistema caciquil e clientelar ao que nos ten acostumados o Partido Popular na provincia de Ourense co único fin de manter ao fronte ao baltarismo”.

Blanco Conde acusa tamén a Xuntos Por Laza de “aproveitar” as siglas de En Marea, a priori, “de esquerdas” para “colar” a súa candidatura as eleccións municipais e “enganar a veciñanza” cunha ideoloxía que, segundo apunta, “quedou constancia de que non é real”, tralo compadreo e achegamento entre esta formación política e o PP nas últimas datas. O socialista destaca o pleno do pasado 9 de xaneiro no que os seus ex-socios de goberno, por aquel entón aínda parte do mesmo, votaron en contra do propio goberno, “nun claro exercicio de alianza co Partido Popular”, motivo polo cal, o alcalde decidiu decretar o seu cesamento como parte do goberno. Unha situación que se agravou cunha serie de mocións de urxencia que presentaron tanto En Marea como o PP e que podían terse debatido pola vía ordinaria, pero tal e como indica Blanco Conde “non foi máis cunha nova treta para que o Goberno non puidera coñecer e analizar estas mocións previamente”.

Ante esta situación o ata agora rexedor decidiu presentar a súa dimisión “polo ben e futuro de Laza” e polos “problemas de saúde xurdidos a raíz desta situación de tensión e obstrución levada a cabo por estas dúas formacións políticas”. Ante a situación, o alcalde apunta que “vémonos abocados a abandonar, quen sabe se temporalmente, a nosa misión de conseguir a transformación radical deste concello”. O rexedor deu conta o secretario para a convocatoria dun pleno extraordinario o vindeiro 21 de xullo as 13:30 horas no que a única punto da orde do día e a de “dar conta da renuncia á alcaldía por parte de Jesús Blanco Conde”.