Conclúe o asfaltado do acceso ó Paco Chao e prosegue o Plan de Melloras en distintos puntos do Carballiño

Mellora no asfaltado do acceso ó Paco Chao e á zona do aparcamento.

Remataron as obras de asfaltado do acceso e da zona de aparcamento do pavillón municipal de deportes Paco Chao. Trátase dunha intervención moi necesaria, posto que tanto o firme da calzada de acceso como o aparcamento estaban moi deteriorados. O alcalde Francisco Fumega informou tamén da licitación da obra de adecuación do acceso á piscina municipal, que se acometerá próximamente.

Nas rúas Eusebio Lorenzo e Blanco Amor, no entorno da Veracruz, están rematadas a renovación da canalización da rede de abastecemento e saneamento e as beirarrúas, únicamente falta o asfaltado en quente que está previsto que tome ainda dúas semanas mais de obra. A adxudicación desta obra foi por un importe de 79.327 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras da rúa Saleta, que conlevan novo asfaltado, reposición da rede de abastecemento e saneamento, beirarrúas e iluminación led, remataron a beirarrúa esquerda e se procederá ao asfaltado nas vindeiras semanas. Francisco Fumega explicou que o arquitecto municipal traballa nunha segunda fase para renovar a beirarrúa dereita en función das cesións de terreos dos propietarios afectados. Estas obras, xunto coas que se realizan nas rúas Madalena, Solana e San Benito, suporán unha mellora significativa dos viais deste barrio, cuxo estado era moi deficiente.

Xa deron comezo as obras no barrio do Fardel nas rúas Beariz, Boborás, Leiro, Maside, Punxín e San Amaro pola mesma empresa adxudicataria que realiza os traballos nas rúas Blanco Amor e Eusebio Lorenzo. E a vindeira semana comezarase cos traballos de renovación das rúas rúas Baleares, Rioxa, País Vasco, Navarra, Aragón, Extramadura, Madrid e Cataluña.

E a maiores, co que se remataría o superávit do concello, procederanse a realizar as obras de humanización e modernización en varias rúas de Arcos así como nos viais entre Mudelos-Paciños, Pol-Zafra e outras actuacións en Batallás e na Esgueva.