O PSDEG-PSOE DE OURENSE PÍDELLE A XUNTA QUE “POÑA ORDE” NAS ESCOLAS OFICIAIS DE IDIOMAS, REGULE E ACREDITE AS SÚAS PROBAS, DE CARA AOS EXAMES DE SETEMBRO E OUTUBRO
Os socialistas advirten sobre a falta de “concreción, criterios e protocolos de actuación” perante o COVID, nas Escolas oficiais de idiomas
Os socialistas recordan que os exames previstos para a volta do verán afectarán a preto de 3.000 alumnos, 55 profesores e 6 centros da provincia e cidade
Ourense, 25 de Xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense sinala que os criterios e calendarios establecidos para o recoñecemento tanto das probas realizadas como das certificacións de niveis e cursos, dependen de cada comunidade. De aí que os socialistas reclamen da Consellería de Educación que “poña orde” e “remate coa incerteza e disparidade de criterios” nos distintos centros de Galicia e, particularmente, nos da provincia de Ourense, tal e como veñen demandando distintas delegacións de alumnos.
De feito, os alumnos das EOI acudiron a clases presenciais ata a declaración do estado de alarma e moitos deles superaron o devandito exame parcial de febreiro e continuaron realizando as súas tarefas, de xeito telemático, polo que “desde a Consellería debería recoñecerse o seu traballo e avaliación continua, tendo en conta as circunstancias excepcionais derivadas da pandeima”, engaden os socialistas.
As Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), dependentes da Xunta de Galicia, precisan dunha “regulación e recoñecemento claro e preciso”, tanto das probas e certificacións de exames realizados e pendentes, como de protocolos que garantan a seguridade dos preto de 3.000 alumnos -entre promoción, certificación e libres-, que realizarán os seus exames nos vindeiros meses de setembro e outubro, nos distintos centros da cidade e provincia de Ourense.
Os socialistas recordan que a situación derivada do confinamento provocará que tanto os exames da convocatoria ordinaria de xuño, como a extraordinaria de setembro, pasen a celebrarse, a primeira, no mes de setembro e a segunda, en outubro, o que provocará unha “aglomeración importante” de estudantes, que require de “medidas preventivas”.
Ademais, o PSdeG-PSOE amosa a súa preocupación pola “deixadez de funcións” por parte da Consellería de Educación, ao delegar nos propios centros a adoptación das correspondentes medidas de seguridade nos locais de celebración das probas; así como, a adquisición de todo o material necesario, tendo en conta que a Xunta liquida as EOI os seus presupostos con retraso, o que obriga as escolas a adiantar os cartos.
Asemade, o PSdeG-PSOE pídelle á Consellería de Educación que remate coa confusión xerada sobre a posibilidade de “renunciar á matrícula e devolver as taxas aboadas”, sen que por elo correse a convocatoria, e garantindo a reserva de praza para o curso seguinte.
Desde as xuntas de representantes das EOI de Galicia enviouse unha carta á Consellería de Educación, solicitando unha solución a estas cuestións, máis ata o de agora a resposta foi negativa, recordan os socialistas.
Finalmente, o PSdeG-PSOE solicita do equipo de Goberno do Concello de Ourense que “tome cartas no asunto”, colaborando coa Xunta de Galicia no cumprimento das medidas de seguridade e distanciamento social, a fin de garantir un correcto desenvolvemento dos exames previstos nos distintos centros da cidade e provincia de Ourense.