Deputación de Ourense e “Enxeñeiros informáticos de Galicia” impulsan o acceso a axudas a empresas non tecnolóxicas

Manuel Baltar e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asinaron un convenio que impulsará programas e proxectos enfocados a potenciar a transformación dixital de negocios e actividades económicas para a súa adaptación á situación derivada da crise do COVID-19

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, veñen de asinar un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades que permitirá ás empresas non tecnolóxicas acceder a axudas para modernizar os seus servizos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O acordo fará posible, segundo explicou Baltar, “impulsar programas e proxectos enfocados a potenciar a transformación dixital de negocios e actividades económicas para a súa adaptación á situación derivada da crise do COVID-19”, reafirmando que esta iniciativa “vai na liña da estratexia prioritaria que puxemos en marcha na Deputación ao inicio do estado de alarma de implementar medidas sociais dirixidas a persoas, familias, autónomos e empresas, para cooperar na reactivación e recuperación económica, canto antes, da provincia de Ourense”, expresa o presidente do goberno provincial.

O convenio entre Deputación de Ourense e CPEIG ten como finalidade manter unha canle continua de comunicación para favorecer o acceso a financiamento das empresas da provincia, especialmente aquelas que non pertencen ao sector tecnolóxico, no que atinxe a convocatorias públicas a prol da modernización dos servizos que prestan.

Ante a situación de emerxencia xerada polo COVID-19, a Deputación de Ourense vén adoptando medidas urxentes para favorecer o mantemento de actividade económica nos sectores máis afectados. E neste sentido, o fomento do coñecemento e o uso avanzado das tecnoloxías da información e das comunicacións inclúe medidas centradas en diminuír a fenda dixital e promover o uso máis amplo das tecnoloxías dixitais, ao considerar as necesidades especiais dos distintos colectivos da poboación, con especial énfase nos que presentan un maior descoñecemento ou dependencia das mesmas.

Fernando Suárez explica que este acordo “permitirá impulsar tres liñas de actuación: informativa, de financiamento e de cooperación, que teñen como obxectivo dar a coñecer recursos, asesorar sobre axudas económicas e propiciar soporte técnico e traballo e rede”.

Na primeira delas, favoreceranse as vías de informacións sobre os recursos e servizos existentes no ámbito de servizos intelixentes administrativos de cara ao seu coñecemento polo sector empresarial provincial. O CPEIG elaborará un catálogo se empresas e servizos en formato electrónico, que poida recoller dinamicamente novas oportunidades, para facilitar o coñecemento e comprensión das posibilidades tecnolóxicas, para facilitar a continuidade empresarial no contexto actual. Dentro destas posibilidades atópanse as ferramentas de videoconferencia, teletraballo, teleformación, ferramentas colaborativas, e todos aqueles servizos derivados como os que garanten a seguridade lóxica dos sistemas implantados. O colexio potenciará a difusión e acceso a esta información ás empresas da provincia de Ourense.

Recursos económicos fronte ao COVID-19

No segundo apartado o de financiamento, o CPEIG colaborará coas empresas e autónomos en concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes que así llo soliciten, no asesoramento e colaboración na busca e preparación da documentación técnica para a solicitude de recursos para facer fronte ao COVID-19. Como exemplo deste tipo de axudas está, sen carácter de exclusividade, o programa Acelera Pyme (https://acelerapyme.gob.es/) da entidade pública empresarial Red.es ou as axudas dos diferentes Reais Decretos-Leis, como o do pasado 31 de marzo (https://www.boe.es/boe/dias/2020/04/01/pdfs/BOE-A-2020-4208.pdf), no que figuran axudas para implantar sistemas de teletraballo.

Finalmente, na liña de cooperación, o CPEIG colaborará co ClusterTIC de Galicia para elaborar un catálogo de empresas galegas que poidan prestar os servizos de subministro e implantanción das aplicacións e infraestruturas obxecto de financiamento, así como os servizos de soporte técnico posterior no marco da adaptación tecnolóxica das empresas.