A curtametraxe Saudade, elaborada por un grupo de alumnado do IES O Ribeiro, de Ribadavia (Ourense), resultou gañadora do certame convocado ao abeiro do programa Lingua Rodada.
En palabras do xurado, Saudade toca con sensibilidade e unha gran dose de creatividade o drama da emigración, o desarraigamento, o retorno a unha Galicia despoboada, o amor saudoso polo que foi e xa non é. O protagonismo centrado nunha persoa da terceira idade permite visualizar este colectivo e empatizar con el, na procura da conexión interxeracional.
Lingua rodada é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso e a valoración positiva do galego entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.
As outras dúas curtas finalistas son Terra branca, do IES Terra de Trasancos, Narón e Sabela, do IES A Cachada, Boiro (A Coruña), que tratan tamén de maneira moi orixinal o tema da diáspora galega.