Aberta a convocatoria para presentar ofertas para desenvolver a plataforma de turismo intelixente “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”

“Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense sitúase á cabeza en turismo interactivo”, afirma Manuel Baltar, un proxecto para o que se destinan preto de 3 millóns, e que incluirá unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados

“Trátase dun novidoso sistema para as experiencias turísticas, e Ourense lidera esta innovación coa plataforma de “turismo intelixente” que permitirá aos visitantes acceder aos recursos turísticos da provincia coa tecnoloxía máis vangardista aplicada ao ocio, cultura, termalismo, natureza e gastronomía”, destaca o presidente Baltar  

AVANTAR ACTIVIDADES

A plataforma de contratación do sector público vén de publicar os pregos correspondentes ao subministro para o desenvolvemento da iniciativa “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, unha iniciativa de turismo intelixente “coa que a Deputación de Ourense sitúase á cabeza en turismo interactivo”, afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Trátase dun proxecto para o que se destinan preto de 3 millóns de euros, e que incluirá unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados.

“Este novidoso sistema para experiencias turísticas permitirá aos visitantes acceder aos recursos turísticos da provincia de Ourense coa tecnoloxía máis vangardista aplicada ao ocio, cultura, termalismo, natureza e gastronomía”, destaca o presidente Baltar. O prazo de presentación de ofertas finaliza o vindeiro 23 setembro.

A iniciativa desenvolverase entre a Deputación de Ourense e Red.es, e abrangue baixo o lema: “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, unha plataforma smart e aplicacións para móbiles, ademais dun portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual e de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo. O proxecto enmárcase na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, na que se seleccionaron 24 iniciativas de 9 comunidades autónomas, cun montante económico total de 68,3 millóns de euros.

Desta maneira, a plataforma permitirá aos turistas que se acheguen á provincia de Ourense dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña “Ourense ao teu alcance”); de servizos personalizados “baixo demanda” (liña “Sinte Ourense”), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña “Ourense guíate”).

Os aspectos clave do proxecto son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais.

Tamén, entre as innovacións do proxecto analizadas hoxe destaca a interoperabilidade, xa que a plataforma será capaz de obter información de diferentes fontes de datos; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través de solucións TIC punteiras como son: Big Data, Realidade Aumentada, Realidade Virtual, portais web de potenciación e Marketing Dixital.