O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA AMOSA A SÚA “TOTAL REPULSA” AOS ORZAMENTOS PRESENTADOS POLO GOBERNO MUNICIPAL E DENUNCIA QUE “CARECEN” DE INVESTIMENTOS REAIS
Os socialistas critican que o alcalde do PP de Ribadavia “non dese conseguido nin un só investimento” e acúsano de “ser incapaz de co-financiar proxectos para a vila”
Dende o grupo municipal tamén lle lembran o goberno municipal que “a estas alturas da lexislatura pasada, o goberno socialista xa tiña conqueridos investimentos no parque empresarial e outros proxectos”
O PSdeG-PSOE de Ribadavia amosa a súa “total repulsa” aos orzamentos presentados polo goberno municipal da vila, en mans do Partido Popular, o consideralos “insuficientes” e apuntar que “carecen” de investimentos reais para o municipio. Os socialistas son tamén moi críticos coa presentación dos orzamentos e apuntan que “non teñen en conta os investimentos sociais”, lembrando que nos atopamos “nunha crise nunca antes vista”, en relación a todo o acontecido durante a pandemia provocada pola COVID-19, algo que consideran “surrealista dada a situación social que estamos a vivir no país”. O Grupo Municipal Socialista mantivo unha xuntanza cos outros dos grupos da oposición, Ribeiro en Común e BNG e na que todos coincidiron no rexeitamento a estes orzamentos carentes de investimentos.
O alcalde de Ribadavia, o popular, César Fernández, é centro das críticas socialistas, xa que entenden que “é o principal culpable duns orzamentos baleiros e carentes de sentido”. O Grupo Municipal Socialista afirma que “o alcalde non foi quen de conseguir nin un só investimento para Ribadavia” e acúsano de “ser incapaz de co-financiar proxectos de futuro para a vila, algo que si acadamos os socialistas na pasada e en anteriores lexislaturas”.
Os socialistas lembran tamén que “a base de traballo e esforzo”, a estas alturas na anterior lexislatura, “conqueríronse importantes investimentos para o parque empresarial e para outros proxectos no municipio” e sinalan que o PP “lles faltan ganas de traballar por esa vila e as súas xentes”, antes de afirmar que “esa falta de interese é palpable nuns orzamentos que non son máis que a continuidade dos que se rexeitaron en febreiro”. Uns orzamentos que segundo apuntan dende o PSdeG “non recolle ningunha medida social para afrontar a terrible crise que chegou en marzo e da que estamos a notar as consecuencias”.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén expresan o seu malestar co grupo de goberno por “vender como propios investimentos conseguidos na anterior lexislatura para tratar de tapar a súa nulidade a hora de acadar proxectos para Ribadavia”. Unha situación, que segundo apuntan os socialistas de Ribadavia “deixa latente que o único que buscaron nestes meses foi tapar a súa nulidade para conseguir financiación e tratar de enganar a veciñanza con proxectos nos que non participaron, e polos que non traballaron”.
“Seguiremos actuando con responsabilidade política e lealdade coa institución do Concello de Ribadavia e coa veciñanza”, afirman dende o seno socialista en Ribadavia para finalizar afirmando que “o Grupo Municipal Socialista entra nun período de reflexión, xa que ante un goberno que non goberna, nós non podemos quedar impasibles solo criticando, xa que está en xogo o futuro de Ribadavia e das súas xentes.