Ribadavia potencia a cultura do viño con accións formativas

No Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Camporredondo, no Concello de Ribadavia, tivo lugar na mañá de hoxe, a presentación da oferta formativa, prevista para os meses de outubro e novembro, coa que se pretende difundir a cultura do viño entre os profesionais e afeccionados ao mundo do viño.

O Concello de Ribadavia e a entidade Galicia.wine, en colaboración co Museo do Viño de Galicia, a Asociación Amigos do Museo Etnolóxico e Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR) e a UNED Ourense, organizan a seguinte programación de cursos arredor da cultura do viño co obxectivo de achegar a posibilidade de coñecer mellor os nosos viños e os do resto do mundo. Os cursos propostos abranguen desde nocións básicas ata certificacións internacionais de recoñecido prestixio.

AVANTAR ACTIVIDADES

No acto tomaron parte Mariluz Expósito, concelleira de Facenda e alcaldesa accidental do Concello de Ribadavia; Jorge Vila, director de Galicia.wine; Jesús Manuel García, director da UNED Ourense; César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo do Viño de Galicia e Rosa Fernández, secretaria de AMECHIR (Asociación Amigos do Museo Etnolóxico e Conxunto Histórico de Ribadavia)

PROGRAMACIÓN

– CURSO DE INICIACIÓN Á CULTURA DO VIÑO: 8 e 15 de outubro de 2020.

– CURSO: ZONAS CLÁSICAS DE EUROPA (FRANCIA, ITALIA E ESPAÑA): 12 e 19 de novembro de 2020.

Nestes cursos combínanse ideas teóricas con catas e dinámicas prácticas, de xeito que o seu seguimento resulte sinxelo e ameno. A duración destes cursos é de 6 horas repartidas en dúas sesións. O número de viños a catar en cada curso é 18. Os alumnos recibirán á finalización do curso un diploma acreditativo da UNED.

A matrícula para estes cursos estará dispoñible a partir do día 9 de setembro na web da UNED Ourense.

– CUALIFICACIÓN WSET NIVEL 1: 19 de outubro de 2020.

– CUALIFICACIÓN WSET NIVEL 2: 23 e 24 de novembro de 2020.

WSET (Wine & Spirit Education Trust) é unha organización con sede en Londres e estendida por todo o mundo que conseguiu converterse na referencia internacional na formación do viño. Os cursos WSET caracterízanse por estar orientados a un enfoque internacional do viño. Os exames son enviados dende Londres e corrixidos tamén alí.

Nesta cualificación estúdianse as principais variedades de uva no mundo e nas rexións nas que se cultivan. Veremos os diferentes estilos de viño aos que dan lugar e os términos que os identifican nas súas etiquetas. 

En Ribadavia, como lugar de relevancia histórica do mundo do viño, no ano 2020, ofertaranse os dous primeiros niveis das certificacións WSET.

A matrícula para os cursos WSET xa está dispoñible na web de Galicia.wine.