O Museo Etnolóxico estrea “antropoloxía visual dunha sociedade confinada”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta tarde no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición Antropoloxía visual dunha sociedade confinada. Unha temporal coa que se pretende documentar este fito social e testemuñar visualmente os seus efectos. A mostra inclúe fotografías de Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela Don e Blanca Selas Chao e poderá ser visitada até finais de outubro.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Unha reflexión sobre a incerteza

Antropoloxía visual dunha sociedade confinada está composta por un total de 27 fotografías e dous vídeos realizados durante o confinamento derivado da declaración do estado de alarma por mor da pandemia da covid-19. Unha experiencia inédita na nosa sociedade que ten producido enormes cambios e con consecuencias e implicacións perdurables aínda por explorar. Os creadores son profesionais dos medios de comunicación e, polo tanto, testemuñas excepcionais do acontecido durante o confinamento e no período de desescalada até o período acuñado como de ‘nova normalidade’.

As imaxes son no seu conxunto unha reflexión sobre a incerteza. Unha reflexión que agroma ao captar a realidade hospitalaria, os enterros sen o ordinario dó e a asistencia de familiares, as aulas e rúas baleiras, as dificultades polas que pasaron as persoas que fixeron posible o abastecemento dos produtos esenciais ou mesmo a natureza habitando de novo espazos antropizados e momentaneamente deshabitados. Pero ademais amosan a alegría pola curación, o agradecemento aos que están en primeira liña asistencial e de coidado social, así como as novas condicións nas que debemos desenvolver a nosa vida cotiá para manter ao virus a raia.