Un estudo analiza o potencial da Vía da Prata para o desenvolvemento local

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • O traballo, que foi realizado froito da colaboración da Deputación de Ourense, o Consello Económico e Social de Galicia e a Universidade de Santiago, presentouse hoxe no Mosteiro de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea

No acto participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares; o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; e o director do IDEGA, Melchor Fernández, quen explicou aos asistentes as liñas básicas deste estudo que analizou as características e potencialidades da Vía da Prata e presentou as propostas do mesmo para a súa mellora.

O presidente da Deputación de Ourense dixo que este traballo “pon en valor a importancia da Vía da Prata” a cal, grazas a este estudo “no que todos aportamos  o máximo de nós desde as administracións que lideramos, poderemos acadar un resultado importante da mesma como fonte de ingresos e como dinamizadora económica e social”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Baltar destacou a importancia que tivo a cooperación e o traballo coordinado entre administracións, como se materializou unha vez máis para realizar este estudo, sobre o turismo en Ourense que “nos últimos tempos rexistrou datos históricos tanto de visitantes como de pernotacións”, afirmando que ao incremento deses datos contribuíu “o traballo coordinado no que en todos eles aparece, como debe ser, a Deputación de Ourense como goberno provincial”.

A Vía da Prata é “un dos camiños que transcorre pola nosa provincia que lle dota dese carácter internacional e que está en máis da terceira parte dos concellos da provincia de Ourense, polo tanto, temos que procurar todo aquilo que repercuta no desenvolvemento e posta en valor do seu cometido”. Ademais, o presidente do goberno provincial destacou a idoneidade da provincia de Ourense para acoller a demanda dese turismo afastado de aglomeracións que procura o benestar e a tranquilidade, como consecuencia do Covid-19.

O titular de Turismo, Román Rodríguez, cualificou este estudo de “excelente”; apelou á colaboración e á boa sintonía entre as diferentes administracións e os axentes que actúan na dinamización deste territorio histórico, e sinalou que resulta “moi positivo” contar con estudos como o presentado, “posto que contar con novos ferramentas solventes e útiles para a toma de decisións é esencial para aproveitar dun modo intelixente e sustentable un legado histórico e patrimonial de primeiro nivel como a Vía da Prata”. 

Propostas do estudo

As propostas xerais que se recollen no documento de avaliación e análise presentado no Mosteiro de Oseira están dirixidas á mellora da coordinación entre axentes, a conveniencia dunha ferramenta de planificación e dirección estratéxica, dun plan de formación sobre o Camiño, dun plan de comunicación; así como crear na provincia de Ourense un centro de interpretación da Vía da Prata.

Asemade, expuxéronse unha serie de propostas específicas encamiñadas a promover a identificación da Vía da Prata cun perfil de peregrino como o ciclista e o de grandes grupos, reconfigurar as etapas para que sexan máis accesibles para tódolos públicos, a existencia de xestores-guías do Camiño, promover a cidade de Ourense como punto de inicio para peregrinos con limitación temporal, e un plan de apoio aos investimentos para pemes e autónomos que impulsen novos produtos e novas tendencias.

Compromiso coa Vía da Prata

O conselleiro fixo un repaso polos investimentos realizados pola Xunta desde 2019 na ruta e os compromisos adquiridos que permitan “avanzar a paso lixeiro para chegar nas mellores condicións posibles ao vindeiro Xacobeo 2021”. Así, explicou que se ten intensificado o traballo no eido da sinalización da Vía da Prata, cun investimento de máis de 2M€ e lembrou que esta conta por primeira vez cun Plan de Mantemento propio dotado con 1,6M€ para todos os seus concellos.

Finalmente, se ben este ruta conta con 13 albergues, algúns recentemente rematados, como o de Ourense, a Xunta impulsa dúas novas dotacións: unha na Gudiña, coa rehabilitación da Casa da Viúva, e outra no propio Mosteiro de Oseira, o que supón un investimento conxunto de 1,3M€. “En ambos casos –explicou o titular de Cultura−, apostamos pola rehabilitación, mantemento e uso do noso patrimonio; un aspecto clave que me parece importante reivindicar”.