O C.D. Arenteiro comeza unha etapa renovándose por completo co obxectivo de manterse nos primeiros postos de Terceira División. Despois do temor vivido no pasado mes, ca dimisión da anterior directiva, o clube carballiñés xa ten novo líder, Argimiro Marnotes. Baixo as súas ordes e preparando ó equipo para a temporada incerta que se aveciña, Marnotes fíxose co anterior adestrador do Ourense C.F, Fran Justo. Neste clube logrou chegar de Preferente Sur ás portas do ascenso a Segunda División B, quedándose moi preto do bronce do fútbol español. Agora, ilusionado con este novo proxecto, pretende levar ó Arenteiro ante os mellores. Ao corpo técnico tamén se incorporan, Alex Vázquez e Millán Fernández como adestradores e Nico Lopez, como preparador físico, os catro procedentes do Ourense C.F. e unha incorporación indispensable para que Fran Justo aceptase a oferta do Arenteiro.
A xunta directiva está traballando arreo para formar un equipo potente ó que poñer a adestrar o próximo 24 de agosto, se as circunstancias sanitarias o permiten, para comezar a temporada o 26 de setembro, data proposta pola Real Federación Galega de Fútbol pero aínda sen aprobación da Xunta de Galicia.
Entre as novas adquisicións do clube verdiblanco están os dianteiros Rubén Arce, Marcos Alonso e Manuel Bardelás. Ademáis, tamén terán ó porteiro menos goleado de Terceira División, Diego García. Arce e Bardelás non é a primeira vez que visten de verde.

En canto ás renovacións, o Arenteiro, polo de agora, confirmou a de Adrián Pol e Adrián Padrón no posto de defensa e Jonatan Magisano, coma dianteiro. Nos próximos días comunicarán os xogadores que completan a plantilla verdiblanca.