A Xunta inicia o arranxo do firme da AG-53 entre Dozón e San Cristovo de Cea

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de renovación do firme na autoestrada AG-53, no treito entre os enlaces de Dozón e de San Cristovo de Cea.

A actuación, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 56+320 e 74+200 da autoestrada, conta cun investimento duns 4,8 millóns de euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os traballos centraranse na reparación de danos superficiais na estrada, no fresado de taboleiros de pasos de vigas e na reposición do firme en todo o tronco da vía e nos ramais do enlace de Cea.

Tamén se levará a cabo o repintado de todas as marcas viarias do tronco e dos ramais da autoestrada e a reposición de captafaros e elementos de balizamento.

Esta intervención está enmarcada no mantemento das estradas autonómicas de titularidade da Xunta co fin de garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade na comunidade.
Esta actuación foi autorizada no Consello de Administración da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.