Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (II)   ”

Francis Bacon explicou no Novum organum que “a maneira de abordar o verdadeiro saber depende da experiencia con interpretación racional”. Para lograr un auténtico cambio de mentalidade propuxo unha nova lóxica experimental que debe tender a dominar a natureza mediante a actuación. “O fin da nosa ciencia- dicía Bacon- é atopar non argumentos, senón arte,… non razóns probables, senón proxecto de obras.” Agora ben, se queremos aplicar estes principios baconianos á nosa realidade social, económica e política, atoparémonos cunha serie de obstáculos que nos impedirán o avance e o progreso da ciencia. A tales estorbos, produto deses atrasos, Bacon chamounos “ídolos”, precisamente porque impiden o avance do progreso entre os pobos. A metodoloxía que propón para plantar a semente do saber consiste en destruír ante todo eses ídolos, esas ficcións, para posteriormente comezar a sementar o coñecemento. Bacon designaba como ídolos do teatro ao que na actualidade representan as ideoloxías: Ideologizar significa interpretar a realidade desde a óptica dunha soa idea vixente. As ideoloxías de moda adoitan ser un serio obstáculo para a adquisición da ciencia, porque as súas interpretacións son dogmáticas e nada flexibles. Esa é a razón pola que a ciencia relega e rexeita as ideoloxías.

Función e tipos de ideoloxía

            Certos intelectuais ven a ideoloxía como un conxunto de crenzas e valores referidos á orde pública, cuxa finalidade trata de orientar o comportamento político colectivo. Outros considérana como unha falsa conciencia que pretende enmascarar a realidade ao establecer como verdadeira unha visión do mundo parcial da clase dominante en relación coas clases dominadas. Como sinalei no artigo anterior, Marx entende a ideoloxía como unha idea envolvente dunha propaganda enganosa ou dunha distorsión da realidade. A ideoloxía, na opinión de Karl Manhein (Orixe e evolución do concepto de ideoloxía), forma parte da Socioloxía política. En conclusión, unha ideoloxía política ten por misión o adoutrinamento, a fixación de valores e uns principios verdadeiros con tendencia ao dogmatismo. As ideoloxías políticas deben ser entendidas tamén como ideas convertidas en ideais que se destinan á acción política.

      O catálogo de ideoloxías políticas é considerable, no que podemos remarcar o liberalismo, o socialismo, o nacionalismo, o anarquismo…

     O pensamento político liberal ten como principal representante ao pensador inglés John Locke (1632-1704), considerado o pai do liberalismo económico, que iniciou a perspectiva histórica do debate sobre o poder absoluto do gobernante. O liberalismo descansa sobre os principios da oferta e a demanda. Para os liberáis, a existencia do Estado é necesaria porque se lle fai responsable de administrar os conflitos e as tensións sociais. O seu rol consiste en establecer peso e contrapeso nas decisións políticas, de forma que se estableza unha situación de equilibrio en medio dos conflitos inherentes á vida colectiva. Desde unha perspectiva sociolóxica, o pensamento liberal defende a prioridade do individuo fronte á existencia da sociedade, atribuíndolle ao Estado a protección da propiedade privada e os intereses dos individuos. Nesa mesma liña móvese o escocés Adam Smith (1723-1790), que propuxo a teoría da “man invisible do mercado”, o que implica a non intervención do Estado na economía. Moitos considérano o máis importante teórico do liberalismo económico e o pai da economía moderna.

            O pensamento liberal representou unha estrutura política que serviu de soporte a forzas sociais de grupos económicos, defendendo a idea de propiedade e propoñendo a noción de pacto, dous conceptos que servirían para xustificar a participación política daquelas persoas que posúan a maior cantidade de bens (os ricos). Este pensamento aportaba argumentos para lexitimar o capital e a concepción de status asociado ao talento individual.

               O socialismoé outra ideoloxía política que xurdiu durante a Revolución industrial e a concentración urbana despois de comprobar unhas precarias condicións de vida nas principais cidades europeas. Esta ideoloxía vai en contra dos principios do liberalismo económico e político, así como da propiedade privada.

            O sistema de valores utilizado polo socialismo vai dirixido non só á colectividade, senón tamén á preocupación polo esteblecemento dunha igualdade material nas condicións de vida. No interior desa ideoloxía apareceron dúas vertentes básicas: o socialismo utópico e o socialismo científico. Houbo países que se adheriron ao chamado “socialismo real”, caso da ex-URSS, China, Corea do Norte. Ese socialismo real mostrouse incapaz de suprimir as necesidades da sociedade en canto sistema económico e político ata o punto de que na actualidade aparecen sistemas híbridos, como é o caso de China (capitalismo e socialismo).

            A idea do socialismo utópico consistía en convencer da necesidade de reducir as diferenzas sociais por medio de actuacións puntuais que, co paso do tempo, se multiplicarían observando o bo exemplo dado e percibido pola sociedade. Os principais representantes do socialismo utópico foron Robert Owen, Saint-Simon e Charles Fourier. Este socialismo tiña como obxectivo a creación dunha sociedade ideal que sería implantada de forma pacífica ao ter en conta a boa vontade da burguesía.

            O nome de socialismo utópico xurdiu do libro “Utopía” de Tomás Moro, considerando a utopía como un referente a algo non existente ou que non pode ser logrado. De conformidade cos socialistas utópicos, o sistema socialista debería instalarse de forma lenta e gradual.

            O socialismo científico foi un proxecto social que buscaba estratexias para superar as dificultades sociais que se agravaban en Europa derivadas da Revolución Industrial. Este socialismo foi iniciado por Karl Marx (1818-1883) e por Friedrich Engels (1820-1895). Denominouse así pola base científica coa que formularon a súa doutrina, partindo das análises sobre a evolución do ser humano, a evolución da historia e os mecanismos de explotación capitalista.

            O socialismo tivo tamén unha deriva na práctica real que consiste na creación dun novo sistema económico e social, onde medios de produción pertencerían aos traballadores. O Che Guevara e Fidel Castro representan esta deriva socialista en Cuba, así como Vladimir Lenin e Joseph Stalin son os principais representantes do socialismo na URSS e as figuras máis importantes da revolución bolchevique, denominada Revolución rusa de 1917. Ese socialismo consideraba que o sistema capitalista dividía a sociedade en dúas clases sociais: a dos dominates (os donos dos medios de produción) e os dominados (os que non teñen medios e se someten aos explotadores).

            Neste socialismo reclamaríase a existencia dun partido obreiro (revolucionario) na vangarda da revolución proletaria, comezando cun goberno centrado na ditadura dos traballadores. Estes, por teren conciencia da súa explotación, loitarían contra ela, acabando coa propiedade privada dos medios de produción. O socialismo sería entón unha transición cara ao comunismo, onde a existencia do Estado xa non sería necesaria.

O anarquismo é unha ideoloxía contraria ao pensamento liberal e a favor do colectivismo igualitario. Fundaméntase no concepto do exercicio da gobernanza e da forma de chegar ao chamado “comunismo libertario”. A diferenza do socialismo científico, o anarquismo sostén a idea dunha ditadura do proletariado en vez dun liderado de partido. Dese modo, en lugar dun partido que controle o aparato do Estado e que teña a tentación de quedar seducido polo poder ata o punto de impedir o camiño para unha sociedade igualitaria, a ditadura do proletariado cumpriría a súa meta.

            Para os anarquistas, o Estado é o fundamento concreto da explotación e da diferenza social. Os anarquistas propugnan o final do Estado e o establecemento dunha organización comunitaria onde a propia sociedade civil se faría cargo da xestión dos bens colectivizados. Mikhail Bakunin (1814-1876), revolucionario ruso, unha das figuras claves do anarquismo, foi o gran crítico do capitalismo, defendendo a destrución do Estado e combatendo a relixión. A relixión para el serve para encarcerar o ser humano no plano mental, en tanto que o Estado o escraviza en aspectos materiais. Os anarquistas opóñense á idea de que o poder e a dominación sexan necesarios para a sociedade e, por iso, defenden formas máis cooperativas e anti-xerárquicas de organización económica, política e social.

O nacionalismo é unha ideoloxía desenvolvida no século XIX como outra forma de oposición ao pensamento liberal. Baseábase na defensa da preservación das diferenzas pasadas da sociedade e en nome da especificidade de cada comunidade humana en termos culturais. Esta ideoloxía nega o individualismo e as formas representativas de goberno. Critica o colectivismo igualitario socialista e anarquista. Considera que as revolucións burguesas, reivindicando o individuo, corrompen os lazos sociais antigos e disolve a cultura nun sistema mercantil de trocos. Ese pasado debía ser recuperado para un mellor recoñecemento de pertenza á colectividade. Moitos adeptos nacionalistas falaban do folkgeis (espírito do pobo, en alemán), presente no folclore, nas tradicións orixinais de cada pobo. Sobresaen como nacionalistas: Adolf Hitler e Benito Mussolini.

            Na ideoloxía nacionalista o poder correspondería a un líder carismático capaz de unir a toda a sociedade. Ese condutor (líder) podería levar a cabo unha política máis adecuada aos principios e propósitos de afirmación nacional porque entende as necesidades colectivas. Toda a comunidade debería atoparse baixo un mesmo Estado e este expresaría, en termos políticos, a unidade do pobo.

            Mussolini é o gran protagonista dese nacionalismo. O pensamento fascista, elaborado por Mussolini, afirmaba que o individuo non existe se non está dentro do Estado, polo tanto a persoa está condicionada á existencia deste. Así, canto máis complexa se volva a sociedade, máis se restrinxe a liberdade do individuo. “Nada pode haber por riba do Estado, nada fóra do Estado, nada contra o Estado” (Mussolini). O fascismo nacionalista combate da mesma forma a idea liberal como o marxismo. Propugna o corporativismo, pois os intereses individuais e de clases deben subordinarse ao Estado.

            O Nacismo, encarnado en Adolf Hitler, é unha ideoloxía que pretende establecer un credo da identidade nacional en oposición ás diferenzas de clases e ao individualismo. Fundaméntase en teorías racista e culturalistas do século XIX. Forxou a noción aria como fundamento da idea de pertenza colectiva dos alemáns e dunha “raza superior”. Os homosexuais, os xudeos, os negros… eran unha raza inferior. Na procura dunha perfección humana superior, a educación converteuse basicamente nunha broma, desprezando a formación intelectual e reforzando as cualidades físicas, como a virilidade, o combate e a disciplina.

Outras ideoloxías máis recentes

Se o século XIX foi o século dos debates intelectuais sobre as ideoloxías, no século XX as ideoloxías convertéronse no vehículo de grandes movementos sociais, no soporte de grandes masas que son adoutrinadas polos novos medios de comunicación –“o medio é a mensaxe”, dixo Marshall McLuhan-, pola propaganda, pola violencia e a represión. No periodo de entreguerras, as ideoloxías políticas enfrontadas foron o fascismo e o comunismo fundamentalmente, aínda que tamén continuaron sobrevivindo o liberalismo na súa versión democrática, o conservadurismo, o socialismo democrático, o anarquismo e os nacionalismos. Feminismo, pacifismo, ecoloxismo, movementos pola igualdade racial, recoñecemento da identidade sexual son tamén ideoloxías con vocación transformadora da sociedade.

Ideoloxía e fanatismo

Cando as ideas se asumen sen ningunha crítica nin certa reflexión, o máis probable é aceptalas como verdades absolutas e indiscutibles. Esa actitude transforma con moita frecuencia as persoas en fanáticas e fundamentalistas. En cambio, cando unha ideoloxía se asume despois de analizar as razóns da mesma, xa non se pode falar de manipulación senón de adhesión e aceptación.

            Non se pode negar o papel tan importante que xogan as ideoloxías na sociedade, ata o punto que representan sinais identitarios, de forma similar á relixión, á nación, á clase social, ao partido político, etc. Son os propios membros do grupo ideolóxico os que determinan que un determinado individuo pertenza ou non ao grupo segundo comparta ou non certos presupostos ideolóxicos básicos. Polo tanto, a ideoloxía está ao servizo dos intereses dos grupos ou clases sociais, interpreta e xustifica os actos personais ou colectivos e explica a realidade dunha forma tranquilizadora para que se poida manter a xustificación previa tal como estaba no imaxinario individual e colectivo, independentemente das circunstancias reais.

Ideoloxía e cosmovisión

Unha cosmovisión consiste nunha serie de principios comúns, inspiradores de teorías ou modelos en todos os niveis culturais. As cosmovisións ofrecen unha idea da estrutura do mundo, que se encarga de crear o marco ou o paradigma para as restantes ideas que logo se proxectan sobre unha civilización, sobre unha cultura e incluso sobre un individuo. As ideoloxías afectan a grupos de persoas, nunca a unha soa persoa; as cosmovisións si poden afectar a unha soa persoa.

O termo “cosmovisión” é unha adaptación do alemán Weltanschauung (Welt, “mundo”, e anschauen, “observar”), unha expresión introducida polo filósofo Wilhelm Dilthey na súa obra Introducción ás ciencias do espírito, 1883. O vocábulo foi rapidamente adoptado nas ciencias sociais e na filosofía. Dilthey sostiña que a experiencia vital de cada persoa está fundada no conxunto de principios da sociedade e da cultura na que se formou.  As cosmovisións determinan a forma correcta de ver as cousas enfocadas dentro do mundo.  Son exemplo de cosmovisións o xudaísmo, o cristianismo, o islamismo, o cientificismo, o humanismo… As cosmovisións son complexas e resistentes ao cambio; poden, polo tanto, integrar elementos diverxentes e incluso contraditorios…

Devalo ideolóxico

Os seres humanos buscamos soportes ás nosas crenzas e ás nosas accións, sendo reiteradamente dirixidos pola propia sociedade cara ás ideoloxías e ás cosmovisións. Pero a medida que o noso moralismo ancestral conecte coas necesidades obxectivas do presente, a medida que a sociedade se vaia ilustrando con eleccións máis racionais e se asuma como necesario un intercambio intelectual aberto, non estaremos tan necesitados deses soportes ideolóxicos. En definitiva, seremos máis libres. Parece incuestionable que as ideoloxías benefician máis aos que queren mandar que aos que son mandados. O control é maior por parte dos mandatarios cando saben que os mandados están sometidos a prexuízos ideolóxicos, razón pola que os políticos tratan de atraer ás súas filas a persoas da súa propia ideoloxía para facerse co poder. Unha analoxía similar sucede cos mercados que, vendendo a súa ideoloxía, logran impoñer as súas leis sobre o consumo, o aforro e a inversión.   

A inocencia e a castidade das ideoloxías non existen porque se travestizan sen complexo nas súas antagónicas, camufladas nos desfiles publicitarios que exhiben nas pasarelas organizadas pola acción política dos gobernos ou mesmamente ostentadas polas iniciativas particulares de cada individuo. E así, os revolucionarios ideolóxicos actúan como conservadores cando se trata de reivindicar o seu patrimonio persoal ou partidista; os conservadores exercen de revolucionarios cando critican de inmobilistas as propostas dos revolucionarios; os reaccionarios (xirondinos) transfórmanse en revolucionarios criticando como contrarrevolucionarios aos revolucionarios (xacobinos); os comunistas (China) disfrázanse de liberais practicando o libre mercado… “A esquerda socialdemócrata aburguesouse á vez que o pensamento liberal-conservador se socializou” (Fukuyama).

En definitiva, asistimos ao gran carrusel ideolóxico ao que nos soben os ilusionistas políticos, eses grandes puppetteers agochados baixo o telón frontal e o telón de fondo da socioloxía política, tratando de nos manipular como marionetas a través da súa cordaxe publicitaria no escenario social.

Con todo, o devalo das ideoloxías comezou a partir da década dos anos sesenta do século XX. Así consta nalgunhas publicacións da época: O fin da ideoloxía (1960), de Daniel Bell, sociólogo da Universidade de Harvard; El crepúsculo de las ideologías. (1965), do ministro franquista Gonzalo Fernández de la Mora; O final da utopía (1967), de Herbert Marcuse, da Escola de Franfurt; O final da Historia e o último home (The End of History and the Last Man) (1992), de Francis Fukuyama, Universidade Johns Hopkins.

Apearse das ideoloxías implica, abofé, o triunfo definitivo da racionalidade sobre as alienacións sociais e as quimeras soñadoras do poder? Quedamos realmente indemnes ante as consecuencias do trompazo ideolóxico, que metamorfosea en pensamento único e nos unifica baixo o mesmo credo? Esa é xa outra historia.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.