Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Artigo : Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

AVANTAR ACTIVIDADES

Un vese corenta anos atrás, no edificio propio do balneario, na rotonda central, baixo a claraboia, ollando uns números churrusqueiros, ao pé dunha billa:“1900”. Daquela inaugurouse o espazo dedicado a baños, chorros e inhalacións. O edificio da fonte era de tempos ben recuados, dende 1816 din na páxina web oficial. Non deberon procurar con moita atención, pois só con botar unha ollada internáutica, un atopa que, cando menos, dende antes de 1764 xa existía unha casa de baños medicinais, aínda que fose modesta:

Billa 1900

Es entonces cuando entre los años 1764-65 se publican en España los tomos de Historia Universal de las Fuentes Minerales de España, escrita por D. Pedro Gómez de Bedoya quien con su esfuerzo personal y la ayuda de los médicos y boticarios de entonces, logró reunir los análisis de las principales fuentes y manantiales del país. (…) datan de esta época las primeras descripciones de modestos establecimientos acondicionados para la toma de baños medicinales. Se conocen las descripciones efectuadas por el médico R. Tomé en su Tratado de 1791(…). Entre las que destacan: Fuencaliente, Trillo, Alhama de Granada, Archena, Fitero, Belascoain, Arnedillo, Caldas de Malavella y de Montbui, Caldas de Reyes, Caldas deOviedo, Cuntis, Carballino, etc.[1]

Pretendo só achegar uns poucos datos apañados na prensa do momento para resaltar o desenvolvemento das actividades sobre as augas minerais do Carballiño, en concreto do que se denominaba Gran Balneario para distinguilo do de Partovia.

Uns anos despois de que dona Emilia deixase de visitar con certa asiduidade esa “villita” cabeceira de comarca “que aún conserva, o conservaba cuando la pisé por vez última, pronunciadísimo sabor tradicional, y elementos poéticos muy en armonía con el carácter del paisaje”, di no prólogo a El cisne… asinado en setembro 1884, o balneario do Carballiño convertérase nun  atractivo lugar sandador e recuperador de corpos e almas.

As terapias balnearias puxéranse de moda, había tempo, entre a aristocracia europea. As modas caracterízanse pola reiteración, ata que se xeneralizan e converten en vulgares. Daquela as elites trocan de gustos. No sur de Europa tamén se puxera de moda o termalismo a imitación dos grandes balnearios centroeuropeos, para folganza da atarefada vida dos poderosos locais. Máis tras as modas sempre se albisca o lucrativo negocio. Neste caso era preciso difundir as virtudes das augas e mellorar as condicións do balneario.

Na altura de 1895 as instalacións do “Gran Balneario”, apelativo que servía tanto para poñerse á  altura, imaxinaria, dos europeos como para distinguilo do de Partovia, non parecían acharse nas mellores condicións. Aínda así na prensa dese ano recóllese que durante a tempada concorreron ao balneario 850 enfermos. Para fachenda da vila e do establecemento balneario, algúns dos así cualificados eran personalidades de relevo social ou de familias de elevados recursos. Aquel verán, por setembro, acudiu tomar as augas o Marques de Riestra[2], case de estrea do título, e o gobernador de Ourense, entre outros destacados persoeiros.[3]

O costume de reflectir nas páxinas da prensa ás visitas de podentes personaxes era moi propio na época, moi dada, como a de hoxe, a contar a vida de famosos e afamados.  Por exemplo, en numerosos xornais do momento recollíase a presenza no Carballiño, para tomar as augas, do adiñeirado Manuel Muñiz, enriquecido na illa grande do Caribe; tanto o era que doou 50.000[4] pesos, que non pesetas, para manter a guerra de Cuba. Nesta altura as novas dos benfeitores bélicos son tan frecuentes como as visitas dos próceres, pero non tanto como as requisitorias de recrutas fugados ou non presentados. Uns xogábanse os cartos, outros a vida.

Aquel ben da natureza xeraba beneficios na vila e atraía persoeiros de prestixio que, á súa vez, chamaban por novos visitantes. A propiedade municipal debía atoparse con serias dificultades, reais, provocadas ou invocadas, tanto para a súa xestión como para recadar os investimentos necesarias para mellorar unhas instalacións que non debían atinxir as mínimas condicións, en xeral, e moito menos as reclamadas polos acomodados persoeiros que servían de “gancho” para atraer “agüístas”. O camiño da privatización abríase paso. Non tardaría en abrollar o egoísmo por apropiarse do que era de todos.

A propiedade municipal debía atoparse con serias dificultades, reais, provocadas ou invocadas

A finais dese ano, 1895, o concello do Carballiño acorda “enagenar, en pública subasta” os balnearios de Carballiño e Partovia[5], sinalándose que segundo acordo do “Real Consejo de Sanidad” o tipo-base para a poxa era de algo menos de 33.000 pts[6]. Esta realizouse o 29 de marzo de 1897 ás 11 da mañá simultaneamente no Carballiño, Ourense e Madrid. A prensa recolleu a súa celebración con alborozo[7]:

Dada la numerosa clientela que de Vigo cuenta este balneario creemos que la noticia ha de recibirse con especial agrado, pues siendo el tipo de venta 32.620 pesetas pagaderas á plazos de 5 años, seguramente han de presentarse muchos licitadores, y teniendo el comprador la obligación de ejecutar en un año las obras principales, el público podrá muy pronto tocar las ventajas del acuerdo de aquel Ayuntamiento, eficazmente secundado por su diputado á Cortes don Agustín Retortillo de León[8], quién, removiendo toda clase de obstáculos logró dar cima a un proyecto que en el espacio de seis años había ya fracasado tres veces, a pesar de los clamores de la opinión, que veía con pena el lastimero estado en que se hallaba aquel rico venero de salud.


[1]A cita está tirada dun traballo de Josep Sánchez Ferré, (2000): “Historia de los balnearios en España. Arquitectura – patrimonio – sociedad” en Panorama actual de las aguas minerales y minero-medicinales en España. Madrid: Ministerio de economía y competitividad, que toma a cita de  Mercedes Roig(1985). : Varia Balnearia. Madrid: Ediciones el Museo Universal. Polo que a referencia a 1816 debe estar máis ben en relación coa diversa lexislación favorecedora do termalismo que se aprobou naquela altura.

[2]José María Riestra López (1852-1923) rico propietario (banca, fábrica de tellas e ladrillos, xestorías, etc.). Ao mellor andaba polo Carballiño a ver como era iso dos balnearios pois pouco despois converteuse nun dos promotores do da Toxa, inaugurado en 1907 e construído polo arquitecto, orixinario de Beariz, Vázquez Gulías. Interveu activamente na política através do partido liberal, dentro da facción de Romanones. Deputado con reiteración, senador e alcalde de Pontevedra. Dise que dende a súa casa da Caeira, en Poio, controlou  a provincia de Pontevedra durante catro décadas.

[3]La actualidad. Diario de Pontevedra, 12/10/1895 e  4/9/1985.  La correspondencia de España, 8/9/1895.

[4]La correspondencia de España, 19/7/1896 pero tamén noutros tan diversos como o pamplonés católico e fuerista El Aralar, (20/7/1986) ou nos mallorquinos El isleño (24/7/1986)e El áncora (7/7/1986).

[5]La correspondencia de España, 18/11/1895.

[6]La correspondencia de España, 4/12/1895.

[7]El eco de Santiago 16/2/1897.

[8]O deputado conservador e “cunero”, natural de Madrid, Agustín Retortillo de León, “Marqués de la Vega de Retortillo”, foi elixido deputado pola circunscrición (partido xudicial) do Carballiño, nunhas eleccións parciais celebradas o 4/10/1896. Levaba pois uns meses de deputado polo Carballiño. A elección celebrouse porque o anterior deputado “cunero” Ugarte Pagés (1852-1919), elixido en 1891, optara por representar a circunscrición de Santiago de Cuba, sen dubida un xesto patriótico de quen ocupará cargos ministeriais e será recompensado cun escano vitalicio no Senado. Os resultados da votación que puxo nas Cortes a Retortillo pódense consultar no Boletín oficial da provincia (6/10/1986); por suposto tiña asegurado o posto, era o único candidato presentado.


Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria