O PSOE insta á ampliar a reforma da Praza de Abastos de Ourense ó rianxo e a toda a contorna

O PSdeG-PSOE de Ourense loitará para que a rehabilitación da Praza de Abastos das Burgas se estenda, de inmediato, ao mercado tradicional do rianxo e a toda a contorna do edificio construído hai case un século. Os socialistas recordan que a actual obra de rehabilitación da construcción singular, cuxo prazo de execución estimado é de 18 meses, debe ir acompañada doutras actuacións, como a reforma da zona do rianxo e de toda a súa contorna para “visibilizar adecuadamente o conxunto histórico e para a posta en valor dun espazo tan senlleiro da terceira cidade de Galicia, dunha forma harmónica e respectuosa co entorno e co patrimonio arquitectónico”.

Os traballos en marcha non inclúen esta contorna a pesar de que son actuacións imprescindibles “para o futuro desenvolvemento deste ámbito urbanístico situado no corazón de Ourense”. E, por iso, os solicitan ao executivo municipal de PP e DO que vaian traballando “de inmediato porque xa chegan tarde”, tanto “na configuración dos estudos e proxectos necesarios, como nos compromisos orzamentarios necesarios” para a súa futura execución.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os concelleiros e concelleiras socialistas recordan que “hai un ano tiñamos que comparecer públicamente para desmentir a Gonzalo Pérez Jácome, no referente ao financiamento das obras”, xa que afirmaba falsamente que a prórroga concedida polo Ministerio de Fomento con cargo ao 1,5 % cultural non existía, que a subvención estaba perdida e que as obras non poderían continuar. “O tempo deu e quitou razóns a uns e a outros e hoxe as obras están en marcha”, resaltan os socialistas.

Dende o PSdeG-PSOE reclaman ao alcalde “máis traballo e menos propaganda”, xa que “segue sen apostar como debería pola Praza de Abastos, a pesar de que é un proxecto e un enclave estratéxico” para a nosa cidade, que naceu grazas ás xestións do anterior goberno socialista, e que foi motivo de división xa durante este ano de mandato no goberno PP-DO.

Os socialistas denuncian que a concelleira de Comercio, María Dibuja, segue “desaparecida” despois dun ano de mandato, sendo “incapaz de convocar a comisión de seguimento das obras” de remodelación e sendo “incapaz de sacar adiante unha nova ordenanza de veladores”. Tampouco foi quen de facer as xestións oportunas para abrir a Praza de Abastos da Ponte, que segundo Jácome ía a estar en servizo en só 90 días, ou de buscar solucións para o recinto municipal das Pozas de Maimón, entre outros. Por elo, dende o grupo municipal solicitan ao goberno de PP e DO que “convoque de inmediato a comisión de seguimento das obras de remodelación da Praza de Abastos”.

Prórroga do prazo de execución

Ata o momento só se executaron, aproximadamente, o 5% das obras que “levan un atraso considerable” polo problema recentemente resolto dos okupas. “Instamos ao bipartito municipal a poñer en coñecemento do Ministerio de Fomento os atrasos producidos nas obras ata o desaloxo dos okupas, ante a necesidade de futuras prórrogas para a execución da subvención concedida do 1,5 % cultural e o posible reaxuste nas anualidades”, advirten. Unha problemática da que o grupo socialista xa advertiu dende o inicio do mandato ata que as últimas xestións realizadas pola Concellería de Urbanismo acadaron, despois de un ano de espera, o seu desaloxo definitivo.

Por outra banda, en canto ao mercado provisional, o grupo municipal solicita que “se adopten as medidas oportunas por parte da máxima responsable da Policía Local”, María Dibuja, para que “se controle e regule o acceso de vehículos e o seu estacionamento para carga e descarga na Alameda”, xa que están a provocar danos neste parque histórico que tamén afectan aos viandantes, aos clientes e clientas da praza e a moitos praceiros e praceiras.