O PSOE de Castrelo impulsa a iniciativa para a dotación de internet de alta velocidade

Os socialistas de Castrelo de Miño veñen de impulsar unha iniciativa para dotar de internet de alta velocidade a todo o territorio deste municipio ourensán. Nunha moción que se debaterá no vindeiro pleno local, o PSdeG-PSOE reclama “comprometer a todas as administracións, Xunta de Galicia, Goberno central e Deputación Provincial para que, de xeito inmediato, poñan en funcionamento axudas para cubrir ao 100% do noso territorio municipal con internet de alta velocidade, ben sendo fibra óptica ou calquera outra das tecnoloxías aplicadas na actualidade”.

A portavoz, Catalina González, explica que “estes lamentables tempos de pandemia que nos tocou vivir a todos e todas serviron para mudar hábitos na forma de relacionarnos, traballar ou estudar” xa que “moitas foron as persoas que tiveron que teletraballar e tamén telestudar”. Do teletraballo resalta que “veu para quedarse xa que moitas empresas descubriron todo un mundo de posibilidades con este novo sistema” e do telestudo asevera que “será mais temporal, dependendo do que dure a pandemia mentres non se garanta unha vacina”. “Todas estas circunstancias poñen na obriga ao noso concello de garantir unha boa conexión a internet para poder estar á altura nos novos tempos que xa chegaron”, insiste.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas recordan que a Xunta xa aprobou hai un lustro a Axenda Dixital de Galicia na que “se reafirma que as novas tecnoloxías constitúen unha prioridade estratéxica vital para a competitividade”, mais en Castrelo de Miño “aínda estamos lonxe de acadar estes avances tecnolóxicos que deben ser presente e non futuro”, xa que a veciñanza do rural padece “unha importante fenda dixital con respecto ás cidades galegas, aos núcleos urbanos e a outros municipios de Ourense, sen que ningunha administración pública se preocupe por arranxalo, provocando unha clara discriminación que é preciso atallar”.

“Aínda queda moito treito por percorrer nos servizos de banda ancha para que todos os usuarios e usuarias do noso municipio poidan dispor dunha conexión de internet de transmisión elevada”, que “na situación actual é máis perentoria que nunca, posto que moita xente depende dunha boa velocidade e calidade de conexión para teletraballar ou telestudar adecuadamente”, aseveran antes de reclamar estas melloras “á maior brevidade posible porque é tempo de solucións e non de atrancos”.

O PSdeG-PSOE sinala que “o Concello de Castrelo de Miño non pode nin permanecer alleo a este problema nin mirar cara outro lado, amparado na falla de competencias ou responsabilidade”, namentres os veciños e veciñas “teñen importantes dificultades para poder acceder a un servizo básico e universal como é o de internet de banda ancha en condicións axeitadas e de boa calidade”, finalizan.