EDITORIAL: 120 ANOS E 120.000 GRAZAS

Corría o 19 de xuño do ano 1901 e, grazas a impagable obra benéfica creada daquela polos irmáns Prieto Pereira, chegaban ó Carballiño sor Pascuala de los Desamparados e sor Florentina del Corazón de María, as primeiras monxas enviadas pola institución das Hermanitas de los Ancianos desamparados para comezar o seu labor asistencial no Asilo fundado polos citados benfeitores carballiñeses erguido onde hoxe está instalado o colexio das Franciscanas. Despois de xantar na casa de Margarita Taboada, estas dúas monxas regresaron a Ourense para, o día seguinte, volver para O Carballiño e iniciar o que ía ser unha longa andaina que, por desgraza e pra desgusto da poboación desta vila, vai rematar en breves datas.

Coa súa marcha, quedan atrás impagables horas de silencioso traballo destas anónimas mulleres na atención dos máis desfavorecidos en tempos nos que a asistencia social era un concepto descoñecido para calquera goberno, anos difíciles de miserias e escasezas, de necesidades e ata dunha certa incomprensión. Hoxe, despois deses 120 anos, deixan estas terras nas que moitas delas viviron a meirande parte das súas vidas desenvolvendo nelas o seu desinteresado compromiso social e a firmeza nas súas crenzas relixiosas. Non foi posible evitar a súa marcha: nin os centos de sinaturas e nin sequera o clamor da poboación puideron frear o inevitable.

AVANTAR ACTIVIDADES

Agora, só nos queda desexarlle o mellor a esta comunidade e que no lugar a onde vaian sigan exercendo o seu traballo coa mesma xenerosidade, dignidade e dedicación como fixeron na nosa vila durante estes 120 anos no coidado dos nosos maiores. Contan as crónicas que cando chegaron, foron “recibidas con repique de campana”, agora que marchan o noso Badal quere repicar en honor a este máis dun século da súa presenza e darlle 120.000 grazas pola súa grata e impagable compañía.

Seguramente poucas cousas das existentes nesta vila poden facer concordar no seu sentimento a toda a veciñanza destas terras.