O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

Artigo : O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

Por Felipe-Senén

AVANTAR ACTIVIDADES

Era aquel o Carballiño de fins dos anos cincuenta, aínda do temible Cabo Gil na Benemérita, do Luis e da Luisa de Anllo, dándolle un toque de cor e de tolemia ás rúas, de Jhon Balan, o home orquestra de Marín que se deixaba ver de cando en vez, xunto co Tragastopas ou o Barriga Verde polos tempos da festa… E de música de fondo “Esperanza por Díos solo sabes bailar chacha cha..” e iso que por Liverpool xa asomaban os guedelludos The Beatles. En fin eran os mesmos tempos dun párroco don Evaristo que vía cumprido o seu sono de “construír un Palacio para Deus”, obra erguida a base da xaculatoria do “Sagrado Corazón de Jesus en vós confio” , do retrouso de “limosna para el templo de la Veracruz” , como da intervención milagreira do beato xesuita padre Rafael Garate de Deusto e de Camposancos …. Pero iso é capítulo aparte.

Veracruz – Óleo de M. Torres

Aquí só tentamos ambientar que eran anos nos que o Carballiño se abría ao desenrrolismo, gabancioso de construcións como de grandes festas coas mellores orquestra e solemnes folións nocturnos con fogo fixo e voador, avivando así as tradicións ígneas. Anos de entroidos de sona, de competitiva banda e incluso rondallas, os “Leales” e os “Rebeldes”, os retrouseiros “Liborianos”… Tamén eses son outros capítulos.

A pesares de ser os tempos do queixo amarelo, americano e da leite en polvo… era aquel un Carballiño en obras, o dos chalets de veraneantes e augüístas de sona, cando o Hotel Parque abría portas e anovaba aos clásicos hoteis e pensións, como  Hotel  Carlos, Calaprís, Cabanelas, Celia, Esclavo,  Rogelia, a Bolera, Pituxo,  Cabanelas… Evariso… Tanto veraneante había que algunhas casas alugaban cuartos aos forasteiros, a familias enteiras e importantes da Coruña, de Vigo…habendo tradicionais relacións, como  con Marín: os de Marín viñan ao Carballiño e os do Carballiño, seguindo unha vella tradición de irmandade comercial que se perde nos tempos medievais do mosteiro de Oseira,  correspondían, os do Carballiño  a tomar os baños nas praias de  Portocelo  Mogor, Aguete…

Rúa do Medio – Óleo de M. Torres

Naqueles anos a familia de quen isto conta, vivía en aluguer no terceiro e último piso, con terraza, na entón novísima Casa Cortés, no cruce de Ribadavia. No segundo piso vivía o xuíz  don Mariano Raxoi Sobredo, a súa señora  Olguita Brey, o seu fillo Marianito,  logo nacería  Mercedocas… Eulalia das Moitas era a rapaza coidadora do neno.  Na miña primeira comuñón aqueles distinguidos veciños regalaríanme a miña primeira estilográfica, unha Inoxcron e os contos de Walt Disney aos que moito proveito lle quitei e aínda conservo. Así que servidor, sendo algo maior xogaba e poñíalle clase de aeiou ao neno veciño, tamén lle daba algunha labazada por zarabetear, prestáballe os revólveres de xoguete, compartiamos cromos de Diego Valor e onzas de chocolate  de Matías López, sarrián do que meu pai era familiar e ademais representante. Así que non faltaba na casa o lambereteiro chocolate.

Pois naquel noso piso, novo do trinque, sobraban cuartos, así que varios veráns meus pais sumáronse a alugalo a un recomendado de boas referencias por parte das da Pensión Evaristo. Señor entrado en anos que, satisfeito, volveu varios anos e facíao polo tempo das festas de setembro. Anos tamén cando meu pai pintaba e se gababa daqueles seus carteis de festas, tan meticulosos e perfectamente rotulados a escuadra e compás, hoxe tan buscados e cotizados, que tamén gardamos como conservadores integrais.  Aquel señor era un mestre de Marín, senlleiro, moi educado, sempre acompañado dun maletín de tubos de óleo, pinceis, paleta e cabalete… Señor que observaba e animaba ao meu pai, que alí na casa tamén tiña un cuarto-estudio no que ademais grafiaba bombos, pancartas e carteis… o forasteiro pasmábase da súa facilidade caligráfica .  Namentres o de Marín chantaba o cabalete na terraza, collía uns tablex e pintaba… pra entreter aos rapaces, Marianito incluído, quizais Cesarito Cortés tamén… dábanos papel e deixábanos lapiseiros de cores. Así aprendemos a facer dunha X unha bolboreta, de dous círculos un gato… un castelo, arbores,  arcos da vella, soles e lúas contentos e que falaban….. Noutras aquel señor saía moi cedo, xantaba na pensión Evaristo ou no Pituxo, pero antes, ao alborear, poñíase a pintar a Praza Maior, o unha Veracruz que xa tiña rematada a Torre, a rúa do medio… ou desaparecía camiñando cara aos arrabaldos.

Estudar e pintar as sensacións da paisanaxe nas paisaxes… as inquedanzas de Manuel Torres

  O  cuarto do forasteiro cheiraba a trementina, os tablex recen pintados separados, cun aviso previo aos da casa  de que non llos tocaramos. Aquel señor deixounos algún cadro, de pequeno formato, outros asinados cun M. Torres e outros sen firmar, eran  os que  dicía que non lle saían como quixera. Engadía que non os quería romper, que era como si matara a un fillo… Aquilo e aquel xeito de dicilo, solemne, coa súa bata gris, boina, nunha man un pano e coa outra, pintando a un tempo, quedou moi prendido en min.

Praza Maior – Óleo de M. Torres

Supoño que aquelas acuarelas, os máis óleos , pequenos de 19×23 cmts, pintados en tablex que levaba na caixa de pinturas, eran  bocexos, modelos para obras de maior tamaño.

O caso é que enmarcamos as pinturas regaladas na ferraxería Soto, encargouse o Caride. Por certo as “Colonias de Antonio Soto” merecen unha novela, pois aquilo era unha universidade, pola que pasaba Otero Pedrayo, parolaba con Lucinda Soto; lucia nos escaparates as novidades literarias editadas por Galaxia, en galego… Alí vía a enmarcar obra de Laxeiro, mesmo páxinas manuscritas do mesmo Otero, que gustaba ler….  Lembro un  texto dedicado ás carrilanas do Maioral, pai de Paco Mares,  o que poucos anos despois casaría con Lucinda Soto, gran galeguista, emigrante en Tampa, amigo de Xosé Calviño…ben coñecidos do señor de Trasalba.

Aqueles cadros do enigmático  veraneante, mestre e pintor de Marín acompañáronnos na vida e tras deles historias e persoeiros que conto. Non podía ser outro, aquel era o grande pintor Manolo Torres  Martínez (1991) natural de Marín e veciño do Seixo, cunha longa vida de mestre, filósofo, autodidacta, observador do devalar da luz das horas sobre a paisaxe e as mesmas cousas, como Cezanne cando pintaba, escollendo puntos e horas diferentes, do Monte de Santa Victoria, no seu Aix da Provenza, abas nas que Picasso, na entrada do castelo de Vauvenargues,  e por algo, escolle pra a súa sepultura…a derradeira intervención na paisaxe do xenio que revolucionou a arte e  que de neno se formou na Coruña.

Torres tivo escola nun barrio de Vigo,  frecuenta e pinta as paisaxes urbanas de Bouzas, do Berbés, participa nos parladoiros  vigueses do Café  Derbi, onde se atopa con Maside, con Paco Luis Bernárdez, Fernández Maza, Laxeiro… Momentos nos que as teorías de Risco, o “celtismo” e Castelao son un referente. Torres como Maside ou Castelao ilustrará ou fará tamén banda deseñada en xornais como “La Noche”,” Galicia Emigrante”, “ Vida Gallega”, “La Región”, “ Faro de Vigo”… No 1927, bolseiro da Deputación de Pontevedra en Madrid, viaxeiro a París pra enxertarse nos “ismos” europeos da época. Viaxeiro, inquedo pescudador, profundador que escolle pra pintar paisaxes nas que tenta meter sensacións: como pintar o frío, o arrecendo, os sons dos pinos, a soidade, a morriña…? algo que tamén preocupaba e do que falaba Colmeiro. Achégase ás trazas de Braque, Gris, Picasso….pra pousar nun ambiente de peixeiras, labregos, mariñeiros que algúns aproveitan pra etiquetalo nun rexionalismo. No 1986 publica “Do meu Cartafol”, onde se mostran as súas inquedanzas.  Nos derradeiros anos, axuda ao pintor Antón Sobral e a outros a formar un museo seu en Marín. Filgueira Valvede, sensible e agudo conseguiu obra importante para o Museo de Pontevedra, sendo Manuel Torres un piar dos renovadores da pintura galega. O 10 de maio de 1995 morre na súa casa de Marín, entre moitas obras da súa autoría, as que meses despois atopariamos no mercado.

Dende o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, polo tempo dos Magostos do 1985  escribinlle a Torres unha carta, contando o que hoxe conto novamente: que era aquel neno da terraza da casa do Carballiño, o que recollía a obra que il non quería, pra convidalo á Coruña a unhas conferencias sobre “O Outono na Arte en Galiza”, como xa tiña convidado a Manuel  Prego . Axiña contestou,  0 24 de novembro, emocionado por aquel reencontro, por terlle lembrado aqueles anos cando recorría Galiza, “de punta a cabo” especialmente o Carballiño para pintar “ … Cea, Maside, Astureses, San Amaro, Banga, Moldes, o val de Leiro….todo por todo e moitas veces. Teño pintado moitas acuarelas e particularmente oleos na caixa de man”  Paisaxes onde se distinguen os montes da Madanela, a Martiñá, o Paraño…paisaxes tan presentes na obra de Otero Pedrayo.

Ao cabo dos anos, tempos despois visitando galerías de arte e coñecendo a marchantes atopeime de novo con moitas daquelas obras de Torres no Carballiño. Con algunhas puiden facerme , caracterizadas por esa pincelada solta, impresionista… As que agora son, non so como xanelas abertas a paisaxes nosas, se non tamén a lembranzas  da vida e ás pescudas da Arte.

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño