Inquietude entre o profesorado e as familias polo inicio do curso escolar

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do Comité clínico de expertos sanitarios, que a Xunta proporá que as máscaras sexan obrigatorias en todo momento nas aulas para profesorado e alumnado de máis de seis anos, “unha proposta sanitariamente correcta e epidemioloxicamente fundada”.

Feijóo ratificou que “o que máis nos preocupa é a volta ás aulas e o protocolo do inicio do curso escolar”, antes de engadir que o comité clínico revisará o protocolo elaborado en coordinación coas Consellerías de Educación e Sanidade para actualizalo, tanto en función da evolución da pandemia como co que se acorde na conferencia de presidentes, da que aínda non hai data de celebración. Neste senso, Feijóo reclamou un protocolo único para todo o sistema educativo español porque “necesitamos criterios claros e homoxéneos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra banda, o presidente lembrou a decisión de incorporar a 240 novos docentes para cumprir a ratio de 25 alumnos por aula. Ademais, a partir da vindeira semana, comezaranse a realizar probas serolóxicas a todo o persoal dos centros de ensino non universitario e de FP. “Serán en total 40.000 profesionais os que participarán nesta mostraxe, previa ao inicio do curso escolar, buscando, coma sempre, a máxima seguridade”, sinalou.

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, reuniuse hoxe con representantes das principais asociacións de escolas infantís de titularidade privada para abordar os detalles previos ao inicio do curso. Galicia dispón desde o mes de xullo dun Plan de reactivación con medidas específicas para os centros educativos de 0 a 3 anos.

Neste Plan de reactivación recóllense medidas tanto previas ao comezo da actividade como cuestións organizativas, referidas á hixiene e á limpeza ou de actuación ante un posible caso. Por exemplo, os profesionais non irán traballar en caso de presentar algún síntoma compatible, garantirase en todo momento a distancia de seguridade entre profesionais e persoas alleas ao centro, evitaranse na medida do posible actividades grupais e reforzarase o control do acceso ao centro.

Así mesmo, tamén se intensificarán as medidas de hixiene e limpeza, tanto alumnos como profesionais empregarán roupa de uso exclusivo dentro do centro e, se non poden ir descalzos, tamén un calzado especial. O persoal traballador usará máscaras ou pantallas de protección, procurando que se manteña o contacto visual coas nenas e nenos.

A finais do pasado mes de xullo a Xunta de Galicia publicou o protocolo de educación non universitaria para a volta as aulas no marco da situación sanitaria creada polo coronavirus. Un protocolo que, familias, persoal dos centros docentes, sindicatos e a oposición política, consideran insuficiente. Entre as principais críticas está a falta de investimento na posta en marcha destas medidas cuxa responsabilidade recae nos centros educativos, a escasa distancia estipulada para colocar os pupitres que é de menos dun metro real ou a negativa de baixar a ratio de alumnos por aula.

Estivemos a falar co profesor do colexio Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea, Xiko Paradelo, quen considera que houbo tempo para planificar adecuadamente o curso e que nos expresaba a súa inquietude por como se vai a desenvolver o novo curso.

Os profesores piden un protocolo mais exixente e coa suficiente dotación de medios que protexan dos contaxios tanto a traballadores como a alumnos. Solicitan asemade que as familias participen na toma de decisións.