O PSOE reclama melloras na cobertura móvil e internet en Punxín

Para o Grupo Municipal socialista no Concello de Punxín a desidia do Grupo de Goberno perxudica enormemente ós intereses dos veciños e veciñas de Punxín.
Indican as Concelleiras socialistas que no pleno celebrado o 15 de outubro de 2019 se aprobou por unanimidade unha moción socialista para a mellora da cobertura móbil e de internet en Punxín, e que a día de hoxe todo segue igual.
Sinala a voceira socialista, Lorena Peleteiro, “nun momento no que o rural está en auxe e a posibilidade do teletraballo brinda unha gran oportunidade a Concellos como o noso, en Punxín é impensable, xa que dende algún dos nosos pobos non se pode nin realizar nin recibir unha simple chamada de teléfono”, ademais, “nun momento en que incluso as consultas médicas se realizan telefónicamente, a veciñanza de Punxín atópase nunha situación de discriminación que é preciso atallar sen máis demora”.
Dende o Grupo Socialista, instan ó alcalde e ó grupo de goberno a traballar para executar os acordos, xa que “non basta con votar a favor, hai que traballar para garantir que o 100 % da poboación de Punxín dispoña do servizo de cobertura móbil e de internet de alta velocidade”.