A Xunta de Galicia e os empresarios de ocio nocturno traballarán nun protocolo de reactivación para cando a situación sanitaria permita a reapertura dos locais. Foi unha das decisións acordadas no encontro con representantes do sector celebrada onte. Ese protocolo incluirá as condicións e as fases nas que se producirá esa reapertura.
Na reunión participaron o vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde. Tamén asistiron representantes da Consellería de Sanidade, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Dirección Xeral de Comercio. Tanto a Xunta como os empresarios coincidiron en que os locais deben abrirse cando sexa sanitariamente seguro.
Ademais, a Administración autonómica comprometeuse a estudar que as terrazas destes locais podan empezar a funcionar antes da reapertura do seu espazo interior, cumprindo en todo caso as mesmas condicións e horario de peche que teñen as de bares e restaurantes, ao igual que ocorreu durante o proceso de desescalada. A Xunta tamén estudará xunto aos representantes do sector as vías de financiamento dispoñibles.
Cómpre lembrar que o peche dos establecementos de ocio nocturno, isto é discotecas, salas de baile e bares de copas, é unha medida que se tomou no conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para conter o avance da pandemia.