Os equipos covid dos centros escolares recibirán formación específica sobre o virus

Os máis de 4.000 membros dos equipos Covid dos centros escolares recibirán formación específica sobre coronavirus a partir de setembro, con contidos deseñados pola Consellería de Sanidade en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Así, na primeira semana de setembro comezará unha formación non presencial dirixida aos equipos Covid que deben crear os centros educativos, con conferencias virtuais a cargo de pediatras e material audiovisual no que se dará información específica sobre a infección do coronavirus. Estes equipos, que serán referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias, estarán formados pola persoa titular da dirección do centro, ou persoa na que delegue ou a substitúa, e dous membros do profesorado (nos centros de menos de seis unidades o equipo poderá constituírse cunha soa persoa).

AVANTAR ACTIVIDADES

Nos contidos formativos previstos abordarase de xeito didáctico información básica sobre o coronavirus, a súa afección na poboación infantil e os síntomas, así como as medidas de vixilancia, de prevención e de control. Ademais, daranse pautas sobre como actuar ante unha sospeita de infección por coronavirus no centro escolar e o mecanismo de alerta que se debe activar. A formación centrarase tamén no papel dos coordinadores Covid dos centros educativos e a súa coordinación cos referentes nos centros de saúde. O programa complétase con materiais de traballo na aula dirixidos ao alumnado segundo as etapas educativas, mediante xogos e consellos.

A formación reforzarase ao longo de setembro con sesións presenciais, tamén impartidas por facultativos en centros educativos de referencia para resolver todas as dúbidas que poidan xurdir tras o inicio do curso escolar. As sesións serán organizadas polos Centros de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) que ten a Consellería de Educación nas cidades galegas.

A iniciativa enmárcase no Protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitario á COVID-19, elaborado polas consellerias de Educación e de Sanidade, e que recolle que o SERGAS, a través da presenza de profesionais no centro ou mediante fórmulas de teleformación impartirá a información suficiente para os centros educativos sobre as medidas xerais de prevención e protección.

Atención directa nos centros de saúde


A medida complétase coa designación para cada centro educativo dun centro de saúde de atención primaria de referencia, cunha persoa de contacto á que se poderá dirixir a persoa responsable do equipo Covid do centro educativo para resolver de xeito directo calquera dúbida ou incidencia. Asemade, na Consellería de Educación creouse tamén un equipo asesor específico para atender as dúbidas que poidan ter os equipos directivos de cara ao inicio de curso.