As obras de renovación do firme na AG-53 farán necesarios os cortes do enlace de Cea e da saída de Piñor dende o luns ata o venres

Estes peches, que tamén afectarán á calzada esquerda da autoestrada nun total de 4 km, realizaranse dende a mañá do luns ata a mediodía do venres

A autoestrada contará con paneis de sinalización antes da saída cara a AG-54 e na entrada desde a estrada OU-504 para avisar aos usuarios dos cortes e dos percorridos alternativos mediante a AG-54, a OU-504 ou a N-525

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta está a executar o acondicionamento da capa de rodadura entre Dozón e San Cristovo de Cea, cun investimento duns 4,8 millóns de euros

Tamén se levará a cabo o repintado de todas as marcas viarias do tronco e ramais da autoestrada e a reposición de captafaros e elementos de balizamento

As obras de renovación do firme na autoestrada AG-53 farán necesarios os cortes do enlace de San Cristovo de Cea e da saída de Piñor dende o luns ata o venres.

En concreto, estes peches de tráfico prolongaranse dende a mañá do luns ata a mediodía do venres.

Ademais, tamén se cortará a calzada esquerda da autoestrada, en tramos duns 4 km de lonxitude, o que será sinalizado coa antelación necesaria.

Na autoestrada disporanse paneis de sinalización antes da saída cara a AG-54 e na entrada desde a estrada OU-504 coa fin de avisar aos usuarios dos cortes e dos percorridos alternativos, mediante a AG-54, a OU-504 ou a N-525.

Cómpre lembrar que a Xunta está a executar a mellora do firme no tramo comprendido entre Dozón e San Cristovo de Cea, dende o punto quilométricos 56+320 ao 74+200 da autoestrada, cun investimento duns 4,8 millóns de euros.

No marco desta intervención, as citadas restricións na circulación son precisas para poder avanzar na extensión da capa de rodadura, que debe realizarse a calzada completa.

Os traballos consisten na reparación de danos superficiais na estrada, no fresado de taboleiros de pasos de vigas e na reposición do firme en todo o tronco da vía e nos ramais do enlace de Cea.

Tamén se levarán a cabo o repintado de todas as marcas viarias do tronco e dos ramais da autoestrada e a reposición de captafaros e elementos de balizamento.

Esta intervención está enmarcada no mantemento das estradas autonómicas de titularidade da Xunta co fin de garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade na comunidade.

A actuación foi autorizada no Consello de Administración da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.