O Psdeg-Psoe de Ourense solicita a “Intervención ” de Sanidade no Concello de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICITA A “INTERVENCIÓN” DE SANIDADE DA CASA CONSISTORIAL DO CONCELLO E DAS SÚAS DEPENDENCIAS ANTE A “IRRESPONSABILIDADE” DO GOBERNO

Reclama á Delegación da Consellería de Sanidade que acredite documentalmente as instrucións remitidas á Alcaldía e os protocolos a cumprir, a raíz do caso de Coronavirus do asesor do alcalde

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo municipal socialista, xunto con BNG e Ciudadanos, solicitan tamén ao Concello que desconvoque as xuntas de área de mañá dado a non asistencia invalida o seu carácter informativo

O PSdeG-PSOE da cidade de Ourense solicítalle á Delegación da Consellería de Sanidade de Ourense a adopción de “medidas urxentes” que garantan a saúde dos funcionarios e persoal dependente do Concello e de tódalas persoas que poidan acudir ás dependencias municipais, a través do “desinfección dos espazos públicos e a adopción de medidas básicas”, mediante a toma de temperatura e a provisión de alfombras desinfectantes e xeles hixienizantes á entrada das súas instalacións, ante a “inacción” dos responsables do Concello.

O socialistas fan un chamamento “á responsabilidade e sentidiño” da Xunta de Galicia “ante a irresponsabilidade manifesta” por parte do alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, pola súa decisión de “non adoptar ningún tipo de medidas preventivas” a raíz do positivo en coronavirus detectado nun dos asesores do grupo de goberno, amparándose para elo na “suposta recomendación de Sanidade”.

Neste sentido, o PSdeG-PSOE rexistrou hoxe un escrito ante a Delegación de Sanidade de Ourense, no que solicita, documentalmente, o escrito coas instrucións e protocolos a seguir polo Concello de Ourense a raíz do mencionado caso. Así como, a adopción de medidas preventivas en tódalas instalacións dependentes do consistorio municipal, ademais da realización de probas PCR aos seus funcionarios e persoal dependente. 

O PSdeG-PSOE acusa a Gonzalo P. Jácome de “fuxir cara adiante, xogando coa saúde dos funcionarios do concello e da cidadanía” e “marcándose un farol, coa suposta complicidade da Xunta de Galicia”, de aí que reclamen un “pronunciamento público” ao respecto “para ver se é certo que o Sergas contradí ao propio presidente da Xunta de Galicia, quen manifestou a necesidade de gardar corentena por parte das persoas que tiveran contacto estreito cun positivo”.

Os socialistas queren saber, en definitiva, se Sanidade “da por boas” as actuacións seguidas polo grupo de goberno con concello de Ourense e “pode acreditar o cumprimento dos protocolos sanitarios” a raíz do caso detectado.

Os tres grupos da oposición non acuden ao pleno por “responsabilidade” e solicitan a desconvocatoria das Xuntas de Área do Concello que se celebrarían o martes

O grupo municipal socialista non acudiu ao pleno do Concello celebrado esta mañá por “responsabilidade” ante a “inacción” do vigoberno de PP e DO nunha situación de pandemia como se está dando e a “falta de medidas” ante a confirmación dun caso positivo, tal e como afirmou o voceiro, Rafa Villarino. Un contaxio que o grupo de goberno “intentou ocultar” negando a súa confirmación e a “información” á oposición dende o primeiro momento, denuncia Villarino, quen explica que Jácome se ampara nun “informe” das autoridades sanitarias da Xunta de Galicia que “non aparece”.

Os socialistas tampouco acudirán, por ese mesmo motivo, ás Xuntas de Área convocadas polo goberno municipal para mañá día 25 e solicitan a súa suspensión xa que se trata de “comisións informativas que teñen por obxecto informar á oposición dos asuntos relacionados con cada área”. Dúas decisións ás que tamén se sumaron o resto de grupo políticos da oposición representados por BNG e Ciudadanos

Dende o grupo socialista pregúntanlle ao Partido Popular se tamén “comparte ese xeito de actuar” e cal é a mensaxe se lle transmite á cidadanía nun momento no que a xente está confinada e se “anuncian uns protocolos nos que os responsable públicos debemos ser os primeiros en dar exemplo”. Finalmente, desexan que “non haxa novos contaxios e que a xente sexa responsable.