Prevese que o centro, que supón un investimento de 9,9 millóns de euros, abra as súas portas ao longo do curso 2020/2021
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, comprobaron hoxe o bo avance das obras do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense. Na visita, Manuel Baltar dixo que a conselleira entendera, desde o primeiro momento, “o plantexamento que fixemos desde a Deputación, que expliquei publicamente no debate do Estado da Provincia do 2018, de aproveitar e converter a Ourense en capital da Formación Profesional”.
Neste mesmo sentido, o presidente da Deputación de Ourense explicou que “o feito de que Galicia desde Ourense se sitúe como un territorio de referencia no ámbito nacional e no norte de Portugal nun aspecto tan estratéxico como é a innovación e dentro da FP, corresponde ás propostas do goberno provincial que foi quen, grazas á xestión económica, de poñer a cantidade para facer realidade este Centro que suporá un plus para Ourense e para todos aqueles que se beneficien, tanto do sector público como do privado, de todas as investigacións e cuestións innovadoras que van a ter neste centro a súa base de referencia”.
O Centro Galego de Innovación da Formación Profesional é “un investimento social porque é un investimento en educación e tamén en innovación”, dixo Baltar quen salientou a idoneidade da ubicación deste centro ao facerse “nunha construción que xa existía, poñéndoa en valor, e a poucos metros de Expourense, a Feira de exposicións da nosa provincia; do Edificio Intelixente que tamén da man de ABANCA e coa Deputación liderando esa cuestión fai que hoxe sexa a concentración máis alta de emprego tecnolóxico en Galicia e, por suposto, a poucos quilómetros do Parque Tecnolóxico de Galicia, a Tecnópole, un centro tamén referente en I+D+i”.
Pola súa parte, Carmen Pomar dixo que “no momento en que o centro comece a andar esperamos que sexa un punto de referencia para a Formación Profesional non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado” e explicou que o centro non vai a albergar tarefas docentes habituais, senón que acollerá “seminarios, encontros sobre técnicas e experimentos particulares e específicos, e ademais será un centro no que se poida utilizar maquinaria que non hai noutros centros de Formación Profesional”. Esta infraestrutura será tamén de referencia “para todo o que ten que ver co I+D+i en Formación Profesional e, polo tanto, servirá de punto de referencia para as empresas de Ourense e do resto de Galicia”, sinalou Carmen Pomar.
Así mesmo, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións destacou que a Deputación de Ourense “foi quen de aproveitar esta ocasión e fixo un gran investimento en traer para este lugar no que estamos, A Farixa, este centro que ademais de ser unha obra de referencia cunha estrutura e arquitectura moi moderna e funcional, tamén aproveita unha infraestrutura que xa había dun edificio que foi núcleo no seu día e que volverá a ser punto de referencia para a Formación Profesional”.
En canto ao avance das obras do centro cabe destacar que están xa completas as tarefas de demolición previstas e estanse rematando as de reforzo da estrutura. Está previsto que o centro, que suporá un investimento total de 9,9 millóns de euros en colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, abra ao longo do curso 2020/2021.
O edificio, que ocupa o espazo da antiga Escola Fogar de Mariñamansa, conta cunha superficie de 2.600 metros cadrados que se están a repartir de forma diáfana, con particións flexibles que permitan espazos intercambiables segundo as distintas necesidades de usos. Trátase, ademais, dunha construción eficiente desde o punto de vista enerxético, dado que contará cunha cuberta superior vexetal, sobre a que se estenderá a instalación solar fotovoltaica do edificio e na que haberá áreas para situar toda a maquinaria de instalacións que se poidan precisar.
O Centro Galego de Innovación en Formación Profesional estará composto por catro áreas de traballo similares, flexibles e adaptables en función das necesidades de traballo en cada momento.
Vangarda e emprendemento
Tal e como sinalou Carmen Pomar, o centro vai ser o motor de vangarda da Formación Profesional, desde Ourense para toda Galicia, así como un impulsor do emprendemento. Neste sentido, vai contar con dúas coordinacións técnicas, unha centrada na I+D+i, con áreas que traballarán en metodoloxías para á industria 4.0, o Internet das cousas ou as patentes; mentres que a outra o estará en emprendemento industrial, departamento que se encargará do asesoramento, seguimento, orientación e impulso dos proxectos, coa previsión de abrir o primeiro viveiro industrial de FP.
O obxectivo é avanzar nunha FP adaptada á industria 4.0 para que as empresas poidan contar con persoal cualificado, impulsando desde o Centro Galego de Innovación en Formación Profesional proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, de xeración e proxectos empresariais e de transferencia aplicada de patentes; que estarán ao servizo de todos os centros que imparten Formación Profesional en Galicia.
Ademais, o centro vai traballar en colaboración co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico para a creación de sinerxías co sector produtivo e favorecer a transferencia de coñecemento dos centros á industria.