Ribeiro en Común reclama medidas para o inicio do curso escolar

Ribeiro en Común mantivo unha xuntanza coa ANPA do “CEIP RIBADAVIA” e trasladará a petición de que no inicio de Curso inminente se extremen as medidas e os protocolos sanitarios. Con esta iniciativa pretendían coñecer de primeira man as demandas das nais e dos pais para este inicio de curso marcado pola crise do COVID19.

Diante da preocupación que existe no inicio do Curso escolar en Ribadavia e a falta de información,  piden que o Concello tome a iniciativa na defensa dos intereses dos pais e nais e do alumnado e abandone a pasividade que aseguran dende a formación que mantén  diante da incertidume que a día de hoxe existe na comunidade escolar.

AVANTAR ACTIVIDADES

A poucas semanas do inicio do curso, Ribeiro en Común recalca que non existen protocolos nin información sobre cales van ser as medidas para un inicio de curso seguro e responsable. Segundo a formación, a alcaldía e o goberno local deben actuar como valedores dos intereses veciñais.

Dende a formación sinalan que non poden permitir que se aforre en medidas que garantan a seguridade dos nenos e nenas e de toda a comunidade escolar. Así, reclaman:

  • Máis recursos e persoal para abordar esta situación excepcional.
  • Reforzo na atención no transporte escolar e reforzo da recepción de escolares na entrada e saída do Centro.
  • Dotación de máis espazos comúns, non só aulas,senón tamén patios que se adecuen a cada ciclo escolar e as súas necesidades.
  • Reforzo do comedor para adeculo ás necesidades específicas do alumnado.
  • Ampliación de horarios e quendas alternativas.
  • Reforzo e ampliación da CONCILIACIÓN familiar, xa que o servizo de Madrugadores actual é moi insuficiente para esta nova realidade.
  • Reforzo do equipo de limpeza para labores de desinfección.
  • Creación dun programa de atención a infancia a domicilio, como medida complementaria de conciliación ante o impacto do COVID19.

Por último, Ribeiro en Común esixe que o Concello e a Dirección do CEIP Ribadavia realicen un Plan / protocolo de Emerxencia para o Centro, xa que aseguran que son os responsables da súa realización e a día de hoxe aínda non existe.