A Xunta licita a contratación de cinco obras de prevención de incendios en Ourense

A Xunta vén de licitar a contratación por procedemento aberto de cinco obras forestais na provincia de Ourense taxadas nun total de 1,4 millóns de euros. O obxectivo destas actuacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é crear ou mellorar infraestruturas forestais para previr os danos causados polos incendios ou outros desastres naturais, fundamentalmente mediante a actuación en devasas e pistas nos distritos de Verín-Viana, A Limia, Valdeorras-Trives e O Ribeiro-Arenteiro.

Así, no caso das devasas, a finalidade é eliminar toda a vexetación para romper a continuidade da masa forestal e minimizar as consecuencias dos lumes. Canto ás pistas, búscase favorecer tanto o acceso aos montes como o tránsito entre as superficies forestais para facilitar a extinción e reforzar a defensa fronte aos incendios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con estas actuacións como base, o contrato divídese en cinco lotes distintos, en función de onde se levarán a cabo as obras. Así, o primeiro centrarase no distrito forestal de Valdeorras-Trives e contará cun presuposto de 402.739 euros, o segundo está concibido para varios montes do distrito forestal de Verín-Viana e sufragarase con 211.304 euros, e no terceiro, do distrito da Limia, investiranse 405.485 euros. Tamén no distrito de Verín-Viana, un cuarto lote centrarase nas demarcacións de Verín e terá un orzamento de 249.016 euros, mentres o quinto desenvolverase no Carballiño, no marco do distrito forestal O Ribeiro-Arenteiro, e financiarase con 133.134 euros.

Para a execución do contrato, as persoas licitadoras propostas como adxudicatarias comprometeranse a contar coa maquinaria e potencia mínima requiridas en cada caso, sinalándose no procedemento a necesidade de dispoñer de tractores, retroescavadoras, motoniveladoras ou camións basculantes de características especiais. Así, os medios materiais que se indican en cada lote son os considerados imprescindibles para que os traballos se poidan levar a cabo segundo a especificación detallada en cada proxecto de obra.

Canto ao proceso de adxudicación, unha persoa licitadora poderá optar a varios lotes pero nunca resultar adxudicataria de máis de dous. Con esta limitación preténdese, por unha banda, preservar a competencia e favorecer o acceso das pequenas e medianas empresas á contratación pública e, por outra, lograr unha adecuada programación e desenvolvemento das obras coa maior eficacia posible tendo en conta a súa dispersión xeográfica e necesidades particulares.

Prazos

O prazo de presentación das ofertas rematará o vindeiro 15 de setembro ás 14 horas. Os licitadores interesados en participar nesta contratación deberán presentar as súas solicitudes a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (Silex), accesible na seguinte dirección: www.conselleriadefacenda.es/silex.

Unha vez adxudicadas, o prazo de execución para a prestación de cada unha das obras será de 18 meses dende a sinatura da acta de comprobación da reformulación para cada un dos lotes.

Enlace ao procedemento aberto de contratación:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=741550