O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA UN NOVO “ESTRAMBOTE MUNICIPAL”: DO E PP CELEBRAN AS XUNTAS DE ÁREA DESTINADAS A INFORMAR A OPOSICIÓN A PESARES DE QUE ESTA AVISOU QUE NON ASISTIRÍA
Os socialistas consideran estas reunións como “absurdas” o non estar presentes os grupos da oposición, solicitan que “non se remuneren” e advirten que de pagarse “solicitaremos a devolución dos pagos”
Dende o Grupo Municipal Socialista lembran tamén que onte os tres grupos da oposición rexistraron escritos nos que solicitaban a anulación das xuntas de área pola súa “perigosidade para a saúde”
Ourense, 25 de agosto de 2020. No día de onte, o PSdeG-PSOE de Ourense rexistrou escritos no concello solicitando que non se celebraran as xuntas de área previstas para o hoxe, posto que o bipartito municipal formado por Democracia Ourensana e Partido Popular segue sen aportar información que garanta a seguridade das mesmas fronte ao contaxio por COVID-19, logo do caso detectado na asesoría de alcaldía.
“Se asistir a sesión plenaria celebrada onte era unha temeridade para a saúde, o mesmo acontecía para as xuntas de área de hoxe”, explican dende o Grupo Municipal Socialista e apuntan a que non asistiron debido a que “non se recibiron informes ou instrucións nin da Xunta nin do Concello que indicaran as razóns polas que non se realizaron probas PCR, illamento ou corentena do alcalde, dos concelleiros e concelleiras, do persoal asesor, do persoal municipal e das visitas á Casa Consistorial que estiveron en contacto co asesor municipal con diagnóstico de COVID-19”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén teñen claro que “nada cambiou de onte a hoxe”, e polo tanto a celebración das xuntas de área ten “un agravante engadido” segundo afirman dende o seo socialista “o carecer de sentido cando os grupos da oposición a quen van dirixidas comunican por escrito que non asistirán ás mesmas”.
En efecto, onte PSdeG-PSOE, BNG e Cs rexistraron escritos nos que solicitaban a anulación das xuntas de área previstas para hoxe pola súa “perigosidade para a saúde” tras o contaxio por coronavirus confirmado no asesor que traballa na casa consistorial. Polo tanto, os socialistas consideran que “a ausencia da oposición fai absurdas ás sinaladas xuntas ao carecer da audiencia que lles da sentido, tal e como se establece no artigo 121 do Regulamento Orgánico Municipal”.
“Resulta ridículo que se reúnan os concelleiros e as concelleiras do grupo de goberno en xuntas de área para informarse a sí mesmos, de non ser que o fagan cun fin lucrativo: cobralas polo simple feito de asistir a elas”, sinalan dende o PSdeG.
A pesares da sensata solicitude realizada pola oposición municipal, hoxe tiveron lugar as xuntas de área sen a presenza dos representantes de PSdeG-PSOE, BNG e Cs e, polo tanto, sen os destinatarios dos grupos municipais que lles corresponden. Tampouco asistieron outros dos representantes convidados a estas xuntanzas, como é o caso da federación Miño.
En tales circunstancias, o grupo municipal socialista esixe ao concello de Ourense que “non se abonen pagamentos as concelleiras e aos concelleiros do grupo de goberno por asistir a xuntas de área estériles, evitando dispendios de fondos públicos en reunións sen sentido que vician a súa mesma razón de ser. De facelo, os socialistas requiriremos responsabilidades políticas, e a devolución dos pagos recibidos as arcas municipais”.