O BNG denuncia de novo as prácticas caciquís do PP para facerse, neste caso, coa alcaldía de Viana do Bolo

A formación nacionalista denuncia e rexeita a moción de censura plantexada polo PP e os concelleiros tránsfugas do PSdeG-PSOE no Concello de Viana do Bolo, empregando as mesmas prácticas caciquís que en Castrelo de Miño

AUDIOS

AVANTAR ACTIVIDADES

Audio Noa Presas

Audio Alcalde de Viana

Na sede comarcal do BNG en Ourense, compareceu esta mañá unha delegación da Executiva Nacional composta por Noa Presas (deputada por Ourense), Eva Vilaverde (responsable de política municipal) e Bieito Lobeira (responsable de organización) así como membros da dirección comarcal do BNG de Monterrei e o tamén deputado por Ourense Iago Tabarés, logo de manter unha xuntanza co equipo de goberno de Viana do Bolo e o seu alcalde, Secundino Fernández, para avaliar a situación trala presentación da moción de censura prevista para o vindeiro 1 de setembro.

Para a formación nacionalista, a través da deputada provincial Noa Presas “o que está acontecendo na provincia de Ourense ao longo deste verán ten un claro responsable, que non é outro que Núñez Feijoo, xa que co seu beneplácito consinte que o PP de Ourense con Jose Manuel Baltar á fronte leve a cabo prácticas abolutamente caciquís e que corrompen a vontade popular ao pretender acadar baixo corda o que os veciños non quixeron darlle no momento de expresar as súa vontade nas urnas”.

Segundo Presas o que se pretende é “despoxar ao BNG das alcaldías”, faino o PP pero ademáis coa “pasividade e complicidade do PSdeG-PSOE” quen “permanece de perfíl diante de todo o que está acontecendo”,  primeiro en Castrelo de Miño e agora en Viana do Bolo, onde tal e como afirmou a deputada por Ourense, “a veciñanza de xeito maioritario apostou por un cambio e porque houbese un goberno de progreso”.

Na súa comparecencia, Noa Presas non quixo esquencer as continuas trabas e dificultades coas que se atopou o actual goberno de Viana do Bolo, con Secundino Fernández á fronte xa non soamente no que levamos de mandato senón tamén no anterior, co bloqueo constante da acción de goberno por parte do PP e tamén dos concelleiros socialistas que en ningún caso amosaron nunca vontade de acadar ningún acordo.

A deputada por Ourense rematou a súa intervención, amosando todo o apoio da formación nacionalista tanto ao actual rexedor coma o resto de concelleiro do BNG no Concello de Viana do Bolo.

Seguidamente tomou a palabra o actual alcalde do BNG en Viana do Bolo, Secundino Fernández, quen manifestou claramente que estamos diante dunha “traición ao pobo de Viana” con esta moción de censura, “vendeuse a vontade dos veciños, manipulando ese apoio social maioritario que reclamaba un goberno progresista e poñendoo en mans do PP”.

Para o alcalde de Viana, esta moción de censura está avalada por “concelleiros que foron elixidos cunhas siglas, as do PSOE, e que agora se pasan ao grupo dos non adcritos pero co aval da propia asemblea local dos socialistas na vila”.

Non quixo Secundino Fernández esquencer as grandes dificultades que tiveron ao longo destes 5 anos de goberno, “5 anos de acoso e derribo por parte de PP e PSOE , cunha oposición frontal e que tiña coma único obxectivo derrubar ao goberno do BNG”, a este respecto lembrou que por parte dos concelleiros socialistas “nunca houbo vontade de acordo xa que se lles chegou a ofrecer un goberno ao 50% e aínda así o rexeitaron”.

Para Fernández sería moito máis decente que se o PSOE quere pactar co PP “o digan claramente, á cara, e non pasa nada, pero que deixen de enredar por detras e de pervertir a vontade dos veciños”.

Uns veciños, os cales se amosan altamente contrariados ante todo o que está acontecendo, sentíndose enganados e co temor de voltar a tempos pasados, cun PP na alcaldía de non moi bo recordo para a vila. Uns veciños que dixeron en dúas ocasións, e a través das urnas “que querían un goberno alternativo e progresista e non un do PP”.

O actual rexedor vianés lembrou tamén a manobra perpetrada contra él fai algún tempo e que pretendía afastalo do concello, aludindo á súa incompatibilidade para exercer como alcalde co feito de ser funcionario público. Neste senso lembrou que tivo que recorrer os tribunais, os cales lle deron a razón e que o propio xuiz na sentenza “albiscaba manobras para derrocalo”.

Secundino Fernández rematou a sua intervención lembrando que os menbros do BNG “estamos en política por vocación de servizo público e non por afán económico”, “levamos un ano sen percibir ningunha retribución porque así o quixo a oposición e pese a elo, continuamos traballando arreo para solventar os problemas da veciñanza de Viana”.

Unha veciñanza que está de xeito maioritario ao lado do actual grupo de goberno do BNG xa que como o propio rexedor anunciou, “o 90 % alcaldes pedáneos de Viana do Bolo veñen de asinar un documento de apoio ao actual grupo de goberno”.