O BNG denuncia o inicio dunha obra sen adxudicar en Ramirás

Este xoves, despois da apertura das plicas, o concelleiro nacionalista solicitou do Secretario municipal que o acompañase para verificar que a actuación xa se iniciou, mais a alcaldesa non autorizou ao funcionario.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras previstas na estrada que conecta os núcleos de Coveliña e Formigos, na parroquia de Vilameá, coa vía OU-531, e que están financiadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, comezaron a semana pasada, cando o concurso aínda estaba aberto e nin sequera se abriran as plicas para coñecer a empresa adxudicataria.

A alerta lanzouna esta xoves o concelleiro do BNG en Ramirás, Marcos Meléndez, que acudiu á apertura das plicas. Acto no que estivo presente a alcaldesa, Isabel Gil (PSOE). O concelleiro nacionalista solicitou ver o expediente da licitación da actuación que se ía adxudicar para comprobar as condicións da licitación e os posíbeis vínculos coas obras acometidas dunha empresa que a semana pasada estivo realizando traballos no mesmo tramo da estrada. Os trámites administrativos adiarán o acceso ao expediente até o luns.

Despois de abrir as plicas resultou gañadora a oferta da empresa Cruzval Obras y Servicios, con sede en Gomesende.

Marcos Meléndez rexistrou a continuación un escrito pedindo que o Secretario municipal se desprazase de inmediato até o lugar das obras para verificar que os traballados xa estaban iniciados, en concreto, o acondicionamento das beiravías nun tramo duns 400 metros entre Formigos e Coveliña, tal como advertiu o concelleiro nacionalista. A alcaldesa rexeitou conceder a autorización ao funcionario e dixo que a visita se realizará mañá, venres, e ela mesma acompañará ao Secretario.

“Queremos unha explicación urxente e pública de quen fixo eses traballos, quen os autorizou, se é que se autorizaron, e tamén de por que a empresa gañadora hoxe [xoves, 27] ten que ver coa que varias testemuñas afirman ter visto realizando os traballos nesa obra, aínda sen adxudicar, a semana pasada”, explicou Marcos Meléndez esta mañá na Casa do Concello. “E mañá [por este venres] pediremos tamén a alcaldesa unha explicación de como é posíbel que parte da obra estea feita, tal e como comprobamos de novo este xoves, sen que nin sequera se asinase o contrato coa empresa gañadora”, engadiu.

A visita á zona das obras está prevista para mañá, venres 28 de agosto, ás 14.00 horas, segundo comunicou a alcaldesa.