As vivendas modulares de Cenlle terán cabida para seis familias

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, salientou que as vivendas modulares de Cenlle representan o comezos dun novo barrio sostible e acolledor para seis novas familias. A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá as obras para a construción destes inmobles, así como o ámbito no que se levará a cabo a urbanización da zona.

Ángeles Vázquez indicou que as seis vivendas de promoción pública que a Xunta constrúe en Cenlle teñen un prazo de execución de 8 meses, xa que é unha fórmula construtiva que permite acurtar os prazos e reducir a xeración de residuos. Así, a previsión é que as obras (nas que se invisten máis dun millóns de euros) rematen no primeiro trimestre de 2021, para -a continuación- iniciar o proceso de adxudicación entre os demandantes de vivenda, que poderán acceder á mesma en réxime de compra ou de alugueiro; polo seis familias serán os primeiros beneficiarios deste programa que se desenvolve por primeira vez en Cenlle, xunto coas tres vivendas que se constrúen en Sober.

AVANTAR ACTIVIDADES

No caso das vivendas co concello ourensán, teñen 116 metros cadrados (repartidos en dúas plantas en todos casos), e dispoñen de tres dormitorios e baño (no andar superior); aseo, cociña, salón-comedor e vestíbulo, na inferior. Ademais disporán de rocho (6,27 m2) e de garaxe cuberto (19 m2).

Segundo explicou a conselleira, as vivendas disporán dun sistema de calefacción por aerotermia para promover a eficiencia e o aforro enerxético, polo que estamos ante un proxecto de vivendas que teñen un marcado carácter sostible.

Asemade, tamén se está a urbanizar o ámbito, coa realización dunha mediana e unha plataforma única de aparcamento e acceso rodado e peonil ás vivendas, e unha escaleira de acceso que dará continuidade ao sendeiro peonil e manterase unha zona de piñeiros; mentres que nos espazos libres da zona leste, proxéctase unha intervención con pavimentos brandos de terrizo que conectará coa urbanización próxima, dando acceso á zona de xogos; polo que se define unha zona para a facilitar a convivencia cos veciños.

Nese sentido, recordou que a urbanización próxima ás vivendas familiares tamén foi unha actuación executada pola Xunta, polo que se habilitaron 8 vivendas de promoción pública; ás que se suman a rehabilitación de dúas vivendas a cargo do Programa de axudas para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres.