Ao longo desta semana, asistimos a unha serie de acontecementos dentro do goberno do Concello de Ourense que a ollos do BNG non deberan sorprender a ninguén.
Non é a primeira crise do grupo de goberno. Apenas un mes despois de iniciado o mandato produciuse a dimisión de dúas concelleiras de Democracia Ourensana, Ana Isabel Rebanales e Ana Isabel Bertólez, cansas das continuas inxerencias do alcalde nos seus cometidos. Un alcalde que, tampouco é sorpresa, xestiona o partido de xeito persoal e con total opacidade.
Resulta difícil de crer, que as críticas e os críticos de DO, se sorprendan do modo e maneira en como se xestiona o partido. Os que agora se escandalizan, levan anos formando parte do núcleo duro do partido, e son, polo tanto, bos coñecedores do modus operandi en canto a como se dirixe esa organización.
En todo caso, estamos convencidos de que as presuntas irregularidades das que se fala, sendo graves, non son máis que a punta do iceberg. O que hai de fondo, o que está en xogo, son os intereses urbanísticos. Son os distintos intereses dos socios de goberno, e a dificultade para concilialos, o elemento que fixo que se precipitaran os acontecementos.
E que ninguén se leve a enganos, detrás destes movementos está Baltar e o PP, que o único que fixo foi anticipar unha situación que xa tiñan prevista para máis adiante, non era outra que soltar lastre en canto conseguisen os seus obxectivos primordiais, os cales están, como xa dixemos, intimamente ligados a situación urbanística do concello.