O BNG de Ramirás constata que as obras iniciadas antes da adxudicación fan parte do proxecto

O Secretario municipal levantou acta este venres dos traballos realizados no tramo Coveliña-Formigos nunha visita solicitada polo BNG e na que participaron tamén a alcaldesa e o portavoz nacionalista.

Os traballos realizados a semana pasada na estrada dos núcleos de Coveliña e Formigos, na parroquia de Vilameá, fan parte do proxecto financiado pola AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento) segundo puido constatar hoxe o portavoz nacionalista en Ramirás, Marcos Meléndez. Estes traballos -de acondicionamento de beiravías nun tramo duns 400 metros- iniciáronse na terceira semana deste mes, unha semana antes de que onte, 27 de agosto, se abrisen as plicas para a adxudicación da obra.

AVANTAR ACTIVIDADES

Despois de que o BNG reclamase este xoves -nun escrito rexistrado xusto despois da apertura das plicas- a presencia do Secretario municipal no lugar das obras, solicitude á que se negou a alcaldesa, Isabel Gil (PSOE), a visita realizouse finalmente hoxe venres pouco despois das dúas da tarde. Acompañaron o Secretario, a propia alcaldesa, o portavoz do BNG e un responsábel da empresa que onte resultou gañadora do concurso.

Durante a visita, o Secretario municipal rexistrou imaxes no seu teléfono móbil e solicitou da alcaldesa a confirmación de que as obras feitas estaban previstas no proxecto. O funcionario informou de que reclamará a presenza do director de obra a próxima semana e que este próximo luns fará pública a acta da inspección realizada hoxe.

O BNG continúa exixindo unha explicación “urxente e pública”, por parte da alcaldesa. O portavoz nacionalista, Marcos Meléndez, mostrou a súa sorpresa polas declaracións aparecidas este venres da alcaldesa nas que aseguraba que o problema era da empresa que executou os traballos antes de coñecer o resultado do concurso.

“Estamos diante dun asunto serio. Chegaremos até onde sexa preciso para coñecer a verdade, porque hai evidencias que dan lugar a sospeitas moi graves. Toda a xestión de Isabel Gil e do PSOE en Ramirás está en dúbida desde hoxe, e mentres non se aclare este caso”, concluíu Meléndez, que este luns, despois de cumprir os trámites administrativos, poderá consultar o expediente da obra e coñecer máis detalles sobe a actuación municipal.