Ribeiro en Común reclama información sobre a Covid-19 en Ribadavia

A situación na área sanitaria de Ourense, á cal pertence Ribadavia, está sufrindo un aumento dos casos de contaxios e afectados por COVID19. Estes últimos días a maioría de Concellos da comarca do Ribeiro están dando información sobre cal é a situación nos seus respectivos municipios, e sen embargo desde o Concello de Ribadavia, segundo a formación de Ribeiro en Común, non se está dando toda a información ao respecto.

Ribeiro en Común ven de solicitar que a Alcaldía convoque unha Xunta de Portavoces para informar aos grupos municipais, como lexítimos representantes cidadáns, e se aborde nela a verdadeira situación sanitaria en Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Outra das preocupacións de Ribeiro en Común é o inicio do curso escolar en Ribadavia. Neste sentido, o grupo ten solicitado tamén a convocatoria dunha xuntanza por parte da Alcaldía con todos os grupos e coa dirección do Centro e ANPA do CEIP Ribadavia. Reclaman dende a semana pasada que o Concello leve a iniciativa na defensa dos intereses dos pais e nais e do alumnado diante da incertidume que a día de hoxe existe na comunidade escolar. A formación considera que o Concello debe intermediar e dialogar coas autoridades educativas para defender os intereses das familias de Ribadavia.

Por último, Ribeiro en Común recorda que o Concello continúa sen realizar as probas preventivas ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Á formación parécelle unha irresponsabilidade por parte do actual goberno, e esixenlle que procedan de urxencia a realizalas.