O FETEGA outorga o premio de honra a Alfonso Becerra

O FETEGA, Festival do Teatro Galego “Celso Parada”, acaba de facer público o
Premio de Honra “Dorotea Bárcena 2020”, outorgado a Afonso Becerra pola súa
labor académica e de activismo teatral ao longo de vinte cinco anos dunha carreira cunha ampla e brillante traxectoria no sector das artes escénicas, na que chega co seu sentido pausado e reflexivo de observador dunha realidade que descubre vasta e ampla para todos os que o escoitamos. Recibirá o premio o sábado 26 de setembro, durante a gala do festival no Auditorio municipal, e previamente, ás 18 h impartirá na Casa da cultura a charla “De traxedias, dramas, comedias e públicos”.
Nesta edición de 2020, foron finalistas aos premios actrices e actores, colectivos e institucións relacionadas coa escena, amosando unha vez máis a versatilidade de avaliación que brindamos ao espectro das artes escénicas. Para o festival é sempre unha responsabilidade pola longa lista merecedora.
Afonso Becerra, tamén coñecido como Afonso Becerra “de Becerreá” (Becerreá, 1973), é un dos máis recoñecidos valores do teatro galego e estatal. É Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática na Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturias.
Exerce a docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Dirixiu a Asociación Cultural A Pipa de Becerreá entre 1988 e 2016, onde desenvolveu diversas iniciativas relacionadas coa literatura galega e o teatro, como son as Noites Poéticas e o Certame Literario da Alta Montaña Luguesa.
En 2009 fundou, xunto á directora de escena Ana Contreras, a compañía Ónfalo Teatro. Pertence ao Consello de Redacción da Erregueté (Revista Galega de Teatro). É colaborador da revista Artez Blai e de El Periódico de las Artes Escénicas y Visuales ARTEZBLAI, tamén realiza colaboracións esporádicas na revista Primer Acto e en Tempos Novos. Foi membro da AICT (Asociación Internacional de Crítica Teatral), da ADE (Asociación de Directores de Escena). De 2006 a 2009 formou parte do Consello Asesor do CDG (Centro Dramático Galego).