Ribadavia pagará as axudas ós 68 autónomos a partir de mañá día 3

O Concello de Ribadavia ven rematar o procedemento de concesión de axudas directas a PEMES e autónomos de Ribadavia. Estas axudas enmarcanse dentro do Plan de Reactivación do Tecido Empresarial e Comercial de Ribadavia elaborado para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise económica provocada polo COVID-19.

A Xunta de Goberno Local celebrada o martes 1 de setembro aprobou a resolución de concesión destas axudas directas que beneficiarán a un total de 68 autónomos censados no Concello de Ribadavia. A cuantía das axudas podía chegar ata un máximo de 600€ por beneficiario en función de diferentes criterios como a renta ou o descenso da facturación.

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “coa concesión destas axudas preténdese axudar a autónomos e PEMES do Concello de Ribadavia a facer fronte á dura situación económica provocada polos efectos da Pandemia do COVID-19 xa que, non debemos esquecer que moitos destes autónomos víronse na obriga de cesar a súa actividade co conseguinte efecto negativo sobre a súa economía, por iso, dende o concello, articulouse esta liña de axudas respaldada unánimemente polo Pleno municipal, para axudar ao tecido económico e comercial a facer fronte á situación que nos tocou vivir.”

Estas axudas comezarán a pagarse a partires de mañá xoves 3 de setembro a todos os beneficiarios en función dos importes que lle corresponden a cada un deles unha vez que xa se analizaron administrativamente todas as solicitudes e se valoraron as mesmas en base aos criterios da convocatoria.