O PSDEG-PSOE DESAPROBA A MOCIÓN DE CENSURA DE VIANA, E INSTA ÁS RESTANTES FORZAS PROGRESISTAS A CREAR UN PROXECTO QUE PROMOVA O DESENVOLVEMENTO REAL DO CONCELLO
Os socialistas lamentan que o BNG vianés sinale ao PSdeG-PSOE como cómplice do PP, e recoméndalle aos nacionalistas que vixíen o labor do novo Goberno municipal
Os socialistas tamén lles piden os nacionalistas que colaboren para protexer os dereitos da poboación de Viana mentres se deseña un futuro mellor para esta terra cara as vindeiras municipais
Hoxe é un día desventurado para o PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, pois dous dos que foron seus edís asinaron e materializaron unha moción de censura co Partido Popular, privando ao pobo da conformación dun Goberno progresista.
O 1 de setembro tamén será infausto para o socialismo polo xeito en que se desencadeou esta situación: cunha moción presentada por dous ex-socialistas o pasado luns 17 de setembro ás costas da militancia, do partido e do acordo adoptado o venres 14 de setembro entre PSdeG-PSOE, BNG e os propios ex-edís socialistas polo que se quedaba á espera de recibir e avaliar unha proposta escrita dos nacionalistas vianeses.
Así mesmo, nesta malfadada xornada adquiriron protagonismo outros factores causais deste desenlace. Un deles é a historia de desencontros entre a alcaldía do BNG e os representantes municipais do PSdeG-PSOE. O ex-alcalde laiouse, con razón, de sentirse “traizoado” polos ex-socialistas que non cumpriron a palabra de esperar pola proposta nacionalista. Mais errou, e faltou á verdade, cando atribuíu esa acción persoal ao partido socialista.
Por outra banda, dito representante nacionalista tamén se equivocou ao longo dos seus anos de mandato ao esquecer que o seu bastón de mando foi posible co apoio de concelleiros socialistas, que se sentiron agraviados co maltrato recibido polo ex-rexedor. Este, ao dicir de moitos, consideraba coma unha obriga recibir o aval dos edís do PSdeG-PSOE, e baixo desa premisa desapegouse respecto das demandas deles.
Dende o partido socialista, consideramos que esta desatención e trato abusivo do anterior mandatario non xustifica, en modo algún, o apoio a un Goberno do PP, ou a un Goberno co PP, sendo ambas posibilidades as que adoptaron no día de hoxe quen non forma parte das filas socialistas.
Tal posición foi expresada con vehemencia durante o debate da moción pola única edil socialista, María Páez Pérez, que segue agora no consistorio vianés, quen subliñou do mesmo xeito o seu malestar coas inxustas arengas do BNG contra o PSdeG-PSOE, sendo estas difundidas mediante boletíns e doutros xeitos co evidente fin de danar ao socialismo de Viana, que bastante pesar ten coa actuación dolosa dos seus ex-membros.
Mais o ingrediente principal deste non desexado final é a ansia do Partido Popular por retornar á cadeira municipal, sendo as súas motivacións de índole política e económica. A base política consiste en dar osíxeno ao PP nunha bisbarra na que está feble, e mesmo amosa risco de perder o deputado provincial que garante a Deputación á dinastía Baltar.
A económica artéllase en torno a unha planificación urbanística lucrativa, que pretende cementarse nun hipotético “bum” económico derivado da explotación da mina de coltán da Penouta. Algo tan promisorio coma sen demostrar, mais útil dende o punto de vista da “xustificación” de desenvolvementos de solo a explotar (e cobrar).
O tempo aclarará estas e outras razóns dunha moción de censura desaprobada de raíz polo PSdeG-PSOE galego, provincial e local, que rexeita as acusacións de responsabilidade respecto da mesma, e convida ao resto das forzas progresistas para unir forzas na forxa dun proxecto común e na recuperación dun consistorio que nunca se debeu perder.