Nota do Psdeg-Psoe da Veiga sobre unha posible Residencia de maiores

O PSDEG-PSOE DE A VEIGA DENUNCIA QUE O GRUPO DE GOBERNO DO PARTIDO POPULAR QUERE CONVERTER UN EDIFICIO PARALIZADO POR ORDE XUDICIAL E CON IRREGULARIDADES URBANÍSTICAS NUNHA RESIDENCIA DE MAIORES

Os socialistas avogan por unha residencia “acorde aos novos tempos” e denuncian que ademais das irregularidades na construción, o edificio está situado nun zona “angosta e sen aparcadoiro”

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro socialista, Fernando Fernández Yáñez, afirma que o actual edificio “habería que derrubalo en case a súa totalidade por exceder a edificabilidade o que suporía un custo engadido a obra”

O PSdeG-PSOE de A Veiga non apoia a adquisición dun inmoble que presenta irregularidades urbanísticas para a construción dunha residencia de maiores. Os socialistas consideran que este edificio non é a mellor opción e afirman que “pódese perder a oportunidade de levar a cabo un proxecto acorde ás necesidades de tempos vindeiros”. Dende o Grupo Municipal Socialista recalcan que o edificio, que pretende adquirir o grupo de goberno do Partido Popular por un importe de 50.000 euros, está en construción e paralizado por orde xudicial o contravir as normas subsidiarias do Concello, figurando ademais unha orde de demolición de varias plantas. “A todo isto súmase tamén a ubicación, nunha rúa angosta, estreita e sen aparcadoiro”, apuntan dende o PSdeG en A Veiga.

No pleno celebrado o pasado 28 de agosto, o PP levou no punto 3 da orde do día a “Inclusión no Inventario de Bens da Corporación” e o voceiro socialista, Fernando Fernández Yáñez decidiu absterse para facultar ao alcalde a formalizar ante notario a compra do devandito inmoble para a construción da residencia de maiores. O voceiro dos socialistas de A Veiga sinala que a decisión “é precipitada e pouco estudada, xa que se pode perder unha gran oportunidade de deseñar un centro acorde os tempos que corren e con visión de futuro, tal e como se está a facer noutros países dende hai tempo”. Apunta tamén o voceiro socialista a que o edificio que pretende adquirir o alcalde “habería que derrubalo en case a súa totalidade por exceder a edificabilidade da parcela, co custo engadido que suporía”.

Fernández Yáñez dubida tamén da solidez da estrutura de esta edificación e afirma que “non houbo ningún tipo de control técnico cando foi construído, hai xa moitos anos” e apunta tamén a máis aspectos negativos como son “a falta de accesibilidade, o gran desnivel nas inmediacións do edificio, a carencia de conexión á rede de saneamento da planta baixa e a imposibilidade de que as instalacións poidan crecer nun futuro, no caso de que aumente a demanda”

Os socialistas consideran que as residencias de maiores construídas en edificios de varias alturas son “modelos do pasado” e que a pandemia provocada pola COVID-19 “puxo de manifesto que este tipo de edificacións non son as adecuadas”. Por este motivo o PSdeG-PSOE de A Veiga considera que o adquirir este edificio “perdemos a oportunidade de levar a cabo un proxecto singular, adaptando ás demandas dos futuros usuarios”. “Aínda temos a oportunidade de realizar un deseño que expoña os espazos de vivenda como fogar personalizado e no edificio que se pretende adquirir ese modelo é imposible e volveremos ao modelo do pasado século”, afirma Fernando Fernández Yáñez.

Os socialistas apuntan aos modelos de residencias do norte de Europa, en países tales como Suecia, Dinamarca, Gran Bretaña ou Noruega no que se lles da a categoría de aloxamentos de vivendas, con servizos as persoas que necesitan apoios pola súa situación de dependencia, con lugares comúns para as relacións sociais, garantindo a privacidade e a intimidade. Modelo que tamén están adaptando en Alemaña, Holanda ou Francia. “Outro modelo é posible e recomendable e non podemos perder esta oportunidade”, finaliza Fernando Fernández Yáñez.