O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense pide explicacións ante o caos no que está instalado o concello

O BNG pídelle a Jácome que explique cómo, e de que maneira, se está a xestionar o día a día do concello, e de cómo ten pensado reestruturar o goberno mentres continúe na alcaldía.

AUDIO LUIS SEARA

AVANTAR ACTIVIDADES

Logo desta bochornosa e esperpéntica semana, as veciñas e veciños de Ourense merecen unha explicación a respeito do que está a acontecer co grupo de goberno do concello de Ourense.

Para o concelleiro do BNG Luis Seara “mentres os protagonistas desta lamentable comedia, están a ver como sobrevivir no caos que eles mesmo protagonizaron, o concello esmorece e continúa sumido na parálise, dentro do desconcerto e estupor xeralizado na veciñanza”.

Para o Grupo Municipal do BNG no concello a primeira cuestión que convén clarificar é quén está a levar as rendas do concello, O alcalde, o city manager, ou asesores/as externos á propia consistorial.

Seara insiste en que “tamén queremos saber, si os concelleiros díscolos, Caride, Dibuja ou Manolo Álvarez, van ser cesados nas súas competencias, e de ser así, cando. Ou se  pola contra, logo das durísimas acusacións verquidas, teñen pensado dimitir e abandonar a disciplina do seu grupo”. Incide o concelleiro nacionalista en que “en calquera dos casos ¿quen vai asumir as competencias dos cesados?”

Ao mesmo tempo desde o BNG lanzan unha pregunta ao PP a respeito do que este grupo ten pensado facer ante a situación xerada no seo do goberno local. Pregúntanse os nacionalistas se continuarán como se con eles non fora o conto, formando parte dun goberno, que, por outra banda, e a ollos do BNG, están tentando dinamitar por detrás.

Para Luis Seara “estas son algunhas incógnitas que os protagonistas deste xogo de tronos á Ourensá deberan despexar de imediato, para que poidamos saber as e os ourensáns, a quén dirixirnos coas nosas demandas cando precisemos acudir ao concello”.

Para concluir, o BNG pon como exemplo do caos no que está sumido actualmente o concello, a situación na que se atopa a concellería de cultura, co concelleiro recén dimitido, a xefa de servizo de baixa prolongada, a programación cultural a piques de escomenzar e os técnicos do auditorio sen contratar pois o contrato leva metido nun caixón desde o pasado mes de xuño.