O Psdeg-Psoe denuncia unha situación “insostible” no concello de Ourense “para manter a Baltar na deputación” a causa das leas internas de PP e DO

Villarino sinalou que “os responsables son Feijóo, Baltar e algúns membros do PP que están intentando facer fronte común contra o alcalde, co único obxecto de apartalo para situar ao PP na alcaldía”

AUDIO VILLARINO

AVANTAR ACTIVIDADES

“Fronte a estes manexos, claridade e vontade do PSOE para intentar chegar a un goberno estable”, en definitiva, “un goberno limpo, transparente” porque “Ourense non se merece isto”, destacou

Estamos ante o goberno do non; do non sabe non contesta”, advertiu hoxe o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino, tras a reunión da comisión de pleno na que os membros do bipartito de PP e DO se negaron a clarexar a situación de ingobernabilidade na terceira cidade de Galicia, a causa das leas internas destes partidos. “Esta situación é insostible, non pode manterse, non poden ir con visos de normalidade como se non houbera ocorrido nada e non poden dicir que están traballando por Ourense”, denunciou porque “cada un está traballando só polo seu e para manter a Baltar na Deputación”.

Villarino sinalou que “os responsables son Alberto Núñez Feijóo, Manuel Baltar e algúns membros do PP que están intentando facer unha fronte común loitando contra o actual alcalde, co único obxecto de apartalo para situar ao PP na alcaldía”. “Cremos que iso é unha manobra indefendible, un novo abuso do voto dos cidadáns”, recalcou antes de destacar que “fronte a estes manexos, claridade e vontade do PSOE para intentar chegar a un goberno estable, no que todo o mundo poida expresar as súas intencións para a cidade”, en definitiva, “un goberno limpo, transparente e que merece Ourense” porque “Ourense non se merece isto”.

“Seguimos na máis absoluta das incógnitas xa que onte Gonzalo Caballero preguntou a Feijóo en dúas ocasións pola situación e non manifestou nin unha soa declaración”, aseverou Villarino, quen dixo que estar convencido de que “a próxima semana vai haber novas porque a situación é absolutamente anómala”.

Comisión de pleno “insubstancial”

Nunha comisión de pleno que cualificou de “insubstancial” pola súa “falta de contido”, o líder dos socialistas ourensáns “aproveitou para preguntar pola situación relevante e excepcional pola que está a pasar este concello”. “Preguntamos se o pleno do día 11 vai ter lugar, porque neste momento hai unha serie de movementos que poñen en cuestión que iso sexa posible e o presidente da comisión, Jesús Vázquez, dixo que entendía que si, pero non nos foron concedidas as aclaracións que pedimos”, insistiu. “Cabe a posibilidade de pedir un pleno extraordinario para debater a situación”, respondeu o voceiro a preguntas dos xornalistas.

Villarino dixo que Vázquez non aclarou se está vixente o pacto de goberno polo que Gonzalo Pérez Jácome é alcalde cos votos do PP: “a resposta foi que están a traballar polo ben de Ourense, pero tampouco puidemos trasladar esta cuestión a Flora Moure posto que o presidente da comisión entendeu que non procedía a pregunta”. O PSdeG-PSOE tamén se interesou “por canto tempo vai durar esta situación de ingobernabilidade, pero tampouco foi posible obter resposta ao respecto”. Igualmente ningún dos membros de PP e DO aclararon se Miguel Caride vai convervar as súas competencias en materia de infraestruturas e a súa dedicación exclusiva.

Xustificación de gastos na Deputación

O voceiro tamén resaltou que a Deputación de Ourense está solicitando a todos os grupos políticos “certificacións ao respecto do destino dos fondos” que reciben da institución para “saber se o destino dos fondos é, efectivamente, para uso dos partidos políticos”. “O Partido Socialista si que pode facer esa certificación, pero xa veremos se todos os partidos poden facela e xa sabemos ao respecto de quen temos dúbidas”, manifestou antes de sinalar esta solicitude como “outra das manobras de Manuel Baltar”.