Marina Ortega reclámalle ao goberno galego que faga públicas as medidas tomadas nas residencias de maiores logo da primeira vaga de coronavirus

Os socialistas esíxenlle á xunta que expoña as medidas preventivas e de reforzo de persoal e medios adoptadas na residencia de maiores de o Incio

Reivindica o cumprimento das ratios de persoal e recursos propios nas residencias e o incremento do número de inspeccións

AVANTAR ACTIVIDADES

AUDIO Marina Ortega

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias nas que lle esixe á Xunta que expoña as medidas preventivas e de reforzo de persoal e medios tomadas na residencia de maiores de O Incio. A responsable socialista reclama o cumprimento das ratios de persoal e recursos nas residencias e o incremento do número de inspeccións.

Proposición non de lei

Interpelación

Ortega leva á Cámara autonómica unha serie de iniciativas para reclamarlle ao goberno galego que presente as medidas preventivas e de reforzo de persoal e medios materiais tomadas nas residencias de maiores logo da primeira vaga de coronavirus. Ademais, esixe o informe das inspeccións feitas por parte da Administración autonómica “incluíndo as medias de corrección tomadas naqueles casos nos que as inspeccións realizadas así o determinasen”.

Ortega presenta estas iniciativas logo de coñecer a “realidade preocupante” da residencia de O Incio, onde o 90 por cento dos usuarios están infectados pola covid-19. Sinala neste sentido que o impacto da primeira onda da pandemia nestes establecementos “debera dar lugar a replantexar que tipo de accións se tomaron por parte da Administración competente para previr novos contaxios e como actuar no caso de producirse”.

Considera “urxente” coñecer “que tipo de recursos e medidas tiñan no Incio antes de iniciarse os contaxios, e saber cales foron os motivos dun contaxio masivo de tal magnitude”, polo que pregunta se contaban co total cadro de persoal tanto antes como no momento do contaxio, e se foi incrementado para reforzar a contención do virus.

A parlamentaria socialista advirte de que a propia Xunta informa de que naquel centro hai 118 residentes, cando no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais figuran autorizadas 102. Lembra que actualmente “o persoal ten unha maior carga laboral debido a tarefas engadidas, como por exemplo a desinfección e medidas de precaución, que ocupan unha parte importante de tempo da xornada laboral”.

Marina Ortega reclámalle ao goberno galego que explique a actuación por parte da dirección do centro en canto a protocolos e dispoñibilidade de persoal da residencia, e as actuacións da propia Xunta nas semanas antes e durante os contaxios. Tamén reclama coñecer o impacto da covid-19 entre os usuarios das residencias pertencentes á Fundación San Rosendo, “incluíndo aqueles que foron trasladados aos hospitais galegos”.

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista advirte que “nunha das situacións máis complexas que estamos a vivir en Galicia por causa da pandemia é vital incrementar as medidas encamiñadas á contención do virus, especialmente en espazos vulnerables, como é o caso das residencias de maiores”. Considera ademais “fundamental a transparencia da información que, por parte da administración, se facilita á cidadanía, e sobre todo ás familias dos residentes”.