As augas e as fontes do Carballiño

Artigo : As augas e as fontes do Carballiño

Por Felipe-Senén

AVANTAR ACTIVIDADES

Fontes ilustradas ou populares, comunais ou privadas,  gabanciosas ou humildes, pra servir e pra adornar, abertas á beira do camiño ou na praza, orgullo dos cidadáns e dos munícipes pra, quizais ao longo dos anos,  sucumbir entre o asfalto e o cloro.

E ben puidera presumir de fontes aquel Carballiño que deu de beber a quen pasa, pola súa vocación de vila de camiño e de encrucillada, gardadora e difusora de moitos saberes tradicionais. E as tradicións non traizoan: pois alegra ver ringleiras de xente facendo vez pra mercar o pan nas panaderías de leña e de antes, nas pulperías, nas confeitarías, nas fondas de boa carne e viño que lle dan sona…. e alegraría que o Carballiño seguira a ser competente vila de auguístas.

Perduran as tradicións e cultos arredor dos Catro Elementos, imprescindibles pra vida, como a auga, a que limpa e purifica, a que da vida. E a este respecto lembro sempre a película do Bergman sueco, tan panteísta “ O manancial da doncela”: abrolla a fonte e renace  a vida. Velaí  entre os nosos devanceiros, a través do decorrer do tempo, a variedade de sistemas de obtención de auga, pra dende o seu nacedoiros conducila a un depósito e finalmente  presentala con máis ou menos solemnidade  escenográfica. Xeitos polos que se miden os saberes dunha civilización e dentro dela da cultura dun pobo.

Ao respecto o 11 de decembro do ano 1987, servidor pronunciou un pretensioso discurso co que me deron ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes,  baixo o epígrafe de “As Fontes na Cultura Galega”: un sempre inacabado paseo pola historia, a enxeñería, as lendas e a arte de fontes antolóxicas de Galiza, dende as máis sinxelas e populares ate as historiadas  que presiden prazas e xardíns de pazos. Na mente estaba unha educación entre o fluír das augas e as fontes do Carballiño,  as inspiradoras cantigas  do século XIV de Pero Meogo arredor da fontes, o cervo e a amiga. Mesmo cavilando en xogos acuáticos, dende as noras de madeira dos serradoiros do Arenteiro ate os da solemne entrada e xardíns dos “Souto das Taboas”, neopazo do arquitecto vigués Francisco Castro Represas: auga, arquitectura e natureza. Tema escollido por sentirme moi identificado coas augas, coas fontes e cos pozos, coa súa simboloxía e filosofía do devalar das augas, entre lendas de mouras, nereidas, xanas ou xacios e máis que nada  cos  artífices que as fixeron borbollar. E pra dicilo todo, ate por ser, fun bo catador de augas e sabedor de onde eran polo sabor a terra, cal, a xisto, ferro ou sabre…por ter ou non ter minúscula burbulla ou simplemente nada.

Entre as augas a da fonte de Flores era única. Fonte da que ben puidera escribir un tratado  un patriarca milmañas, deses que sempre andan a estrebillar cousas, que igual fai poemas populares, como unha zanfona, un acordeón, un aparato de radio ou estudar onde nace e por onde circulan as augas dunha fonte, refírome a Xabriel  Valeiras Muñoz , quen por algo foi inseparable dos parladoiros de Ernesto Atanasio “o Corcheiro”, agora por Compostela beireando xa o século de vida.

Fonte de Flores (Debuxo Felipe – Senén)

Fontes que borbullan onde a natureza o permite ou ben onde  sinalou o saber dun deses sabios  ou magos zahorís, agoreiros de augas, que coa súa agaiada vara, quizais de amieiro, acerta onde abrir pozos, facela correr en canles e almacenala en arcas, pra  finalmente marcar o trunfo co peitoril dun pozo ou cunha fachendosa fachada, como un escenario acuático dun templo popular aberto a un pilón, a veces denotando o exceso de celo e gastos inecesarios de afeamento do saber municipal.  E xa  se nota a falta deses sabios de tradició, xa que fonte que se goberna, sen saber construír ou orientar, compensar arquetas, pode acabar vertendo a auga por outro sitio… E  xa non falemos s desas provocadoras fontes de billa ou de botón, traidoras e agresivas. Tan diferentes das fontes de cano, xenerosas, deixando paso ao ritmo do fío de auga; ou  mesmo tan sen iso, esperando a palma da man ou a folla dunha verza que canalice a auga pra levala á boca.

Augas das boas fontes, cristalinas, frescas no verán, quentes no inverno, disposta a apagar o lume e a sede dos animais racionais e irracionais, tan necesarios estes na vida doméstica, noutrora as bestas dos arrieiros, o gando dos feirantes…

 Por algo a auga e as fontes se resumen na liturxia dos templos de todas as relixións, en pías de auga bendita nas entradas, dispostas á ablución, tamén nas entradas e saídas das cidades máis antigas, dos mesmos castros, velaí as saunas decoradas en “pedras fermosas”  para un ritual de entrada e saída da comunidade .

Pozos , minas, canles, arquetas e finalmente a fonte, lugar de encontro

A configuración topográfica do Carballiño, vila lineal de camiños, empoleirada nunha vixiante lomba, permite que nas súas abas se abran minas e fontes que recollen augas de regos subterráneos.  Na lembranza as  farturentas minas da Carpaceira  e da Barronca, a do Benitiño, as tres noutrora entre verzas e mimosas, na caída das beiras do outeiro ou acrópole sobre a que se ergue a Veracruz. Augas que creaban unha braña cara aos curtidos do Piteira e nutrindo o Regueiro da Pena que xa viña da braña de Corzos .

Carballiño, vila que contrasta augas: as medicinais termais nas ribeiras do Arenteiro , velaí o Bañiño de Arcos, a fontenla da Ponte Veiga… o Balneario dos Quiroga e así ata seguir pola Pontarriza ata o Brués das Torres do Orcellón medieval… e  noutra banda as Caldas de Partovia… Augas consideradas sanadoras, por algo aproveitadas en todo tempo. Pero non son estas as fontes de cada día, pra iso hai outras e houbo máis no centro da vila e nas entradas e saídas.

Fontes que cumpriron unha importante labor ate tempo serodio, pois a traída de augas, tardou en chegar ao Carballiño, dende 1956 a 1969. Longa historia esta, augas que , baixo a dirección do enxeñeiro Marcelino Parrondo, se querían traer do río Pedriña na abas occidentais da Madanela, pasando por predios prohibidos pola Igrexa e a desconformidade dos veciños de Loureiro… litixio e razón que confirman os preitos e ao final retomar ideas e volver a novas obras, novos gastos pra finalmente bombear as augas do Arenteiro . Ate entón as fontes e as casas máis poderosas, urbanas ou da periferia,  tiñan o seu pozo no interior ou na horta. Pozos ben empedrados, ben feitos…os das aforas, os labregos, os máis con sistema de bimbastro: sinxela artimaña dende tempos romanos e musulmáns, que consistía nun pau de galla, en vertical, e sobre del, en horizontal , unha pértega cunha corda e un cubo  no extremo, o que ao balancear e baixar entraba no buraco do pozo cargando de auga o cubo.

O bimbastro, debuxo de Xoquin Lorenzo

Entre outras tipoloxías de pozos con roldana e mesmo de sinxelas minas furadas ata catar a veta de auga pra, através de cómaros  regar as mellores hortas, como eran as do Mato, cara ao Regueiro, as fontes de mina e empedradas dos lameiros da Cachela, a que vertía no tempo húmido, a carón da Leitaría do Reque…e que este mesmo aproveitou pra particularizala e metela nas cortes….. a que aínda queda, como un resto arqueolóxico abandonado, na estrada do Torrón, afundida tras a finca do Marquina, as das hortas a carón do camposanto de Señorín con tanque pra beber o gando, as que había nas hortas que bordeaban a Avenida do Parque… Entre esta tipoloxía de fonte afundida, con arqueta de mina,  estaba no centro da vila, abrindo á Carreira e centrando unha praciña, a Fonte da Mina e velaí o topónimo.

Vellos camiños nos que aínda  hoxe, entre silveiras, quedan restos daquelas fonte de sona,  como a mítica Fontiña do Ouro co dito perdido ”Da fontiña do Ouro a Fontiña Ferrada hai unha trabe de ouro que reloce en toda España”. Adiviña que facía referencia a esta fontenliña situada cara á alborada,  nas vellas congostras de Flores ao Señorín das panadeiras, namentres que a Fontiña Ferrada está no solpor, nos camiños do Porto do Carro, do Penedo a Mesego. Esa referencia a unha estela ou “trabe de ouro” e a que polo ceo marca do oriente ao occidente o sol, ese sol que cada tardiña peta esperanzado na igrexa e panteóns do cemiterio de Señorín.

Por certo Señorín ten moi boas augas: a Fontiña da Moa, a carón da que construíron Instituto, ben antiga, antolóxica entre as fontes de arca, como un pórtico, mesa ou altar megalítico…desas que esixía  cazo ou xerro pra recoller a auga e axeonllarse como nun ritual. Fontenla traspapelada pra que reclamamos a súa protección orixinal, sen churruscalladas de afeamento.

Entre as fontes do Carballiño as máis queridas e xa o foron máis, eran as de Flores, a do Cornuval, as do Parque, esta última de curioso deseño de rombo de chanzos cara á arqueta no fondo,  entre outras máis sinxelas, como a que vertía na traseira da casa dos peóns capataces ou a do camiño da Piscifactoria nos baixos da Lavandeira…ao menos nos meus tempos.

 Sendo a Fonte de Flores, a máis concorrida, punto de encontro arredor da que se xuntaba longa quenda de vez: xente con baldes, sellas, xerras, tempo de esperara no que se falaba máis do humano que do divino. Lugar onde espallar noticias, asunto este ben sabido polos fauciosos, pois  nas fontes deixaban proba das súas vinganzas coas que sementar o medo, ao menos noutros lugares da provincia de Ourense, pra logo facer arranxos propagandísticos de cemento  marcados cos símbolos da Falanxe e o ano de execución.

Fontes que normalmente tiñan a súa pía pra dar de beber ao gando ou pra apagar lumes, como a devandita decimonónica de Flores e a fonte do  Concello, esta de mala sona entre as augas, as que, por si soias, xa merecen un tratado.

Poéticas fontes que quedaron na memoria, como a da curva da Fontela, preto da que tamén estaba a mina antiga do Labrador, xa cara á Pena, ben o sabemos. Fontenla, parada obrigada na peregrinación de ida e volta no xa caloroso mes de maio ás novenas de Santa Rita de Dacón.  Fonte que foi lembrada, entre a sede de nostalxias, polo gran poeta e animador cultural galego-arxentino Paco Luis Bernárdez no prólogo de “Escolanía de Merlos” , poemario do franciscano de Isorna Faustino Rei Romero.

Inspiradoras  fontes pra creadores de todo tempo, cada cal coa súa historia interminable , sobre quen a artillou, amañou, referencia de tesouros, de conversas, esperas, de segredos, parte da historia dos que delas beben pra vivir.  Tema ao que sempre se volve como sempre se bebe.  

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño