Espazo Común pide que non se cobre a taxa de terrazas este ano

A formación asegura que a xestión que está a facer o concello no tocante á crise sanitaria da Covid-19 é temeraria, facendo referencia a anteriores denuncias súas coma a ocultación que afirman que fan de novos brotes e ca celebración de eventos gastronómicos para atraer turismo.

Neste caso fan referencia ó sector da hostelería. Recordan que no mes de maio, o tenente de alcalde Manuel Dacal, indicou nunhas declaracións públicas que ían “ser moi permisivos” cos bares do pobo no tocante ás terrazas. Espazo Común apunta a que se mira cara a outro lado co número de mesas e ca separación entre elas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende Espazo Común concordan totalmente con que se lle dea facilidades ós locais para poder manter o número de mesas aumentando a separación entre elas como dí a norma. Sen embargo esta é unha posibilidade que non se axusta a tódolos establecementos pola súa ubicación e a falla de espazo físico para poder ampliar. É, polo tanto, unha medida, segundo afirman, que só favorece a uns poucos.

Consideran que sí hai outras medidas que se poderían tomar dende o goberno que respectarían a legalidade e servirían de apoio real a todo o sector hostaleiro. Algunhas delas son:

A) Anular o pagamento da taxa de terrazas do ano 2020 como xa se fixo en incontables concellos.

B) Empregar unha parte dos 950.000 € acordados para liñas de axuda á economía local para compensar, igual ca no comercio, as perdas sufridas polos bares e restaurantes.

Con estas dúas medidas tan sinxelas, dende Espazo Común aseguran que se podería axudar a un sector fundamental no Carballiño sen ter que ignorar a situación sanitaria e dando un respiro ós afectados de cara ó inverno.