A Deputación arranxará a ponte da Veronza dentro dos orzamentos de 2021

Renión Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) con César Fernández Gil (Alcalde do Concello de Ribadavia).
IES CHAMOSO LAMAS

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, acordaron na reunión celebrada hoxe no Pazo Provincial que a obra de remodelación da ponte medieval da Veronza se leve a cabo en 2021, con cargo aos orzamentos da Deputación para o vindeiro ano. 

Neste sentido, o investimento, previsto para o actual exercicio de 2020, tivo que destinarse prioritariamente a temas referidos a prevención do COVID-19 e axudas a autónomos e Pemes, polo cal, Manuel Baltar e César Fernández, acordaron recuperar ese compromiso de comezos deste ano para que o Concello de Ribadavia poida restaurar a ponte da Veronza. 

OZOCOgz Deseño Galego

Esta infraestrutura sufrira graves danos a causa dun temporal en decembro de 2017, e desde aquela atópase parcialmente derruída. O orzamento da obra ascende a 99.850 €, que serán financiados pola Deputación de Ourense a través da inclusión dunha partida específica nos orzamentos da institución provincial para 2021. 

Baltar e Fernández falaron dos detalles técnicos do proxecto e da colaboración institucional para poder executalo. Ámbolos dous asinaran un protocolo de colaboración a través do cal a institución provincial comprométese ao financiamento desta obra de restauración da ponte, que consistirá na reconstrución dos muros do estribo dereito empregando as pezas orixinais e levarase a cabo unha restauración total da plataforma da ponte medieval.  

Manuel Baltar destaca que esta obra “permitirá recuperar unha ponte medieval cun importante valor cultural e simbólico para Ribadavia e para a provincia de Ourense”, e César Fernández salienta que con esta actuación “daremos resposta a unha demanda reiterada da sociedade de Ribadavia dende que se produciran os danos na ponte provocados polo temporal”.