A Xunta e os centros de secundaria consensúan o cambio do inicio do curso aos días 23, 24 e 25

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe o adiamento nunha semana do inicio de curso en Secundaria, en concreto aos días 23, 24 e 25 de setembro. A decisión foi consensuada coa Xunta Autonómica de Directores, nunha reunión celebrada esta mañá cos representantes dos centros de Secundaria xunto cos xefes da Inspección educativa nas catro provincias. A decisión do adiamento foi comunicada tamén aos representantes das familias e dos profesionais dos centros.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, trátase dunha decisión prudente, “que responde a razóns técnicas, que tomamos en base a criterios organizativos e metodolóxico-pedagóxicos, e logo de escoitar a opinión dos representantes dos directores de Secundaria e máis dos xefes de Inspección”. Segundo explicou, outras Comunidades Autónomas están tomando decisións similares.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este adiamento facilita a adaptación e organización dos centros para reforzar as medidas sanitarias tras os cambios acordado entre as comunidades e o Goberno central o pasado 27 de agosto, unha xuntanza que os Ministerios deberían ter convocado moito tempo antes. Neste sentido cómpre lembrar que as recomendacións acordadas coas Comunidades Autónomas alteraron a planificación inicial ao cambiar a distancia de seguridade entre os alumnos nas aulas a 1,5 metros. Isto cambiou radicalmente as previsións dos centros de Secundaria e está xerando un sobresforzo nos equipos directivos e no profesorado, que a Consellería recoñece e valora, e que convén aliviar para favorecer unha volta segura ás aulas nas mellores condicións blindando a seguridade e a calidade.

A medida tamén favorecerá a implementación das medidas plantexadas o pasado martes no Consello Escolar de Galicia, como a instalación de mamparas nas aulas e talleres ou a opción de solicitar un sistema semipresencial no ensino non obrigatorio. Ademais, a semana a maiores coa que se conta para preparar o inicio do curso aproveitarase para incrementar as accións formativas dirixidas a profesorado e alumnado en materia hixiénico sanitaria, unha medida que servirá para mellorar o estándar de seguridade da comunidade educativa.

Novo calendario

Co novo calendario mantense a distribución por cursos no inicio escalonado. Así, os alumnos de 1º e 2º da ESO, os de 1º de Bacharelato e os de 1º de FP Medio e Superior, que inicialmente comezarían as clases o vindeiro mércores 16, farano o mércores 23; mentres que os de 3º da ESO, de 2º de Bacharelato e de 2º de FP Medio e Superior, que volvían ás aulas o xoves 17, regresarán finalmente o xoves 24. Os estudantes de 4º da ESO e FP Básica, que comezarían as clases o venres 18, farano o venres 25.

Obxectivo común

Román Rodríguez agradeceu a colaboración, o esforzo e a responsabilidade, de todos os membros da comunidade educativa nestes últimos meses, grazas ao que foi posible comezar onte con normalidade o curso en Infantil e Primaria e Educación Especial, “unha gran normalidade dentro da enorme excepcionalidade do actual momento”, como indicou o conselleiro. Un éxito que quixo agradecer ás familias, profesorado e equipos directivos de Infantil, Primaria e Educación Especial.

Neste sentido lembrou que, neste reto de país que é preservar as garantías sanitarias e de calidade educativa no curso 2020/2021, aínda queda o regreso ás aulas do alumnado de Secundaria. Para sacalo adiante con éxito, comprometeuse a seguir escoitando os axentes educativos e incorporando as súas achegas ás medidas que desenvolva a Consellería.