GALICIA PRESENTA UNHA FIN DE SEMANA CON MÁIS ALTAS CA POSITIVOS NOVOS, POLO QUE OS DATOS GLOBAIS DEIXAN A CIFRA DE 103 CASOS ACTIVOS MENOS DENDE O VENRES
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.264 deles 1.297 son da área da Coruña, 795 da de Lugo, 482 da de Ourense, 503 da de Pontevedra, 361 da área de Vigo, 640 da de Santiago, e 186 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 28 están en UCI, 221 en unidades de hospitalización e 4.015 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 15.440 persoas curadas, rexistrándose 689 falecementos. As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios son dous homes de 88 e 79 anos, que estaban ingresados no Hospital de Verin e no CHUAC, respectivamente; e unha muller de 75 anos que estaba ingresada no CHUO. Todos eles presentaban patoloxías previas.
OURENSE
A Área Sanitaria Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras presentou durante a fin de semana máis altas que contaxios. Deste xeito, hai activos a día de hoxe 482 (11+ durante a fin de semana) casos positivos. Do total desta cifra, 40 están ingresados en planta, 5 pacientes nas UCI e 444 a seguimento a domicilio. Esta fin de semana houbo dúas mortes, dous homes de 75 e 87 ingresados no hospital de Verín, ambos con patoloxías previas.
O SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA DO CARBALLIÑO SUMA TRES CASOS ACTIVOS DE CORONAVIRUS ESTA FIN DE SEMANA
Esta fin de semana amplíase en tres persoas o número de casos activos de Covid-19 no Servizo de Atención Primaria do Carballiño. Trátase de tres casos illados que non teñen relación con ningún dos brotes activos.
O último brote rexistrouse hai varios días nunha familia do Carballiño cunha muller de 22 anos e dous homes de 57 e de 33 anos.
A día de hoxe, no servizo de atención primaria do Carballiño hai catro brotes activos: o orixinado cunha adolescente, un procedente dun brote máis grande en Ourense, o orixinado nunha cea de compañeiros e este último brote familiar.
Ademais hai casos illados que non teñen relación con ningún destes gromos.
No concello de San Cristovo de Cea, pertencente ao Servizo de Atención Primaria de Coles, informaba a pasada semana semana de que os casos activos por Covid-19 diminuíron dos 11 ós 7, rexistrando 4 altas.