A Xunta achega o 25º envío de material de desinfección e de protección a Ourense

A Xunta de Galicia ven de enviar esta semana o vixésimo quinto lote de material de protección individual e de desinfección ás entidades prestadoras de servizos sociais na provincia de Ourense para loitar contra a covid-19 e incrementar a seguridade nos centros que xestionan, na súa maioría dedicados ao coidado de menores, persoas maiores ou con discapacidade. Nesta entrega distribuíronse entre 202 centros 126.934 unidades de protección individual, 1.315 botes de xel hidroalcólico e 425 garrafas de desinfectante.

Dende o inicio da crise sanitaria, o Goberno galego quixo garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros na atención e coidado dos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus. Así, realiza envíos con periodicidade semanal en residencias de maiores, vivendas tuteladas, centros de día, escolas infantís e similares, ben sexan de titularidade pública ou privada.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con este obxectivo a Administración autonómica leva efectuados 25 repartos de material entre os centros sociais da provincia que suman un total de máis de 2,7 millóns de elementos de protección. En conxunto, foron distribuídas 1.277.400 luvas, 1.373.364 máscaras, máis de 20.700 batas (das que 7.872 foron doadas por Inditex),  3.552 mandís, máis de 1.550 pantallas, 28.100 gorros e 42.500 calzas, así como diverso material de limpeza e desinfección (13.895 botes de xel hidroalcólico e 5.508 garrafas de 5 litros de desinfectante).