BNG : “A contumacia dos lumes no Xurés. Faltan medios e falta prevención”

Diante do incendio que desde o sábado até onte asolou no Parque Natural Baixa Limia-Serra
do Xurés máis de 2.000 hectáreas na parroquia de Río Caldo e a vaga de lumes que continúan
a destruír o patrimonio natural da contorna, a asemblea comarcal do BNG da Baixa Limia e
Terras de Celanova manifesta o seguinte

  1. Denunciamos o abandono por parte da Xunta de Galiza do Parque Natural Baixa Limia-
    Serra do Xurés, onde cada ano, desde hai décadas, o lume asola o monte, elimina especies e mingua as posibilidades de aproveitamento social e económico do espazo protexido e que no ano 2009 foi declarado Reserva de la Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés.
  2. A carencia dunha estratexia de prevención, a escaseza de medios de limpeza, vixilancia e
    extinción para atender un parque de 26.000 hectáreas, e o abandono de corta-lumes que se
    realizan atendendo a prazos administrativos e non nas épocas do ano que se debera, son
    algunhas das razóns do contumaz desastre e da proliferación de lumes de nova xeración cada vez máis perigosos e con maior capacidade destrutiva.

3.- Nun contexto de cambios nas condicións climáticas cunha maior duración da época de
risco e polo tanto das campañas contra o lume, a Xunta de Galiza apenas ten reaccionado e
os medios materiais e humanos para labores de prevención continúan a ser escasos. Na
campaña deste verán, aínda hai prazas pendentes de cubrir en tarefas de vixilancia no
Parque. Os dous tractores resultan insuficientes para rozar as beiras de centos de
quilómetros de pistas durante a primavera e o verán. A caseta de vixilancia de Lobeira, na
zona exterior do Parque, continúa a ser a única fixa para cubrir a área. E as dúas parellas de
vixilantes destinados especificamente a esas funcións no Parque non operan todos os días do
verán polos preceptivos descansos e hai quendas nas que a labor de control se ve limitada a
unha superficie pequena do espazo a protexer

AVANTAR ACTIVIDADES

4.- Nestas circunstancias, cando o Parque arde ano tras ano en parroquias localizadas e
definidas como prioritarias no PLADIGA (como Río Caldo, en Lobios, e Requiás e As Maus,
ambas en Muíños, onde se produciron os lumes esta fin de semana) pero nas que non se
mellora a dotación de medios nin de persoal nin os mecanismos de vixilancia, sentimos como
unha burla á veciñanza que padece os incendios as declaracións do conselleiro de Medio
Rural e do director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, deitando toda a culpa nuns
presuntos incendiarios sobre cuxa existencia a única evidencia son as continuas denuncias
dos responsábeis políticos.

Non sabemos se hai tantos incendiarios como din o concelleiro e o seu director xeral, pero si
sabemos quen son os responsábeis políticos que evitan someter o seu fracaso á crítica

5.- Coa catástrofe en curso no Parque Natural desde hai, cando menos, dúas décadas, non se
entende a incompetencia da Consellería de Medio Ambiente e Territorio na xestión das súas
responsabilidades. Tampouco se coñece cal é a planificación, a estratexia de conservación e a
utilidade de manter (é un dicir) a cualificación de protexido sobre un espazo que arde cada
ano sobre o que xa ardeu e perde biodiversidade de maneira acelerada sen que muden as
políticas.

6.- Esiximos dos gobernos municipais dos cinco concellos da comarca da Baixa Limia unha
acción encamiñada a denunciar esta situación de abandono do Parque Natural por parte da
Xunta de Galiza. E continuaremos a denuncia política desta situación en todas as institucións
do país nas que o BNG ten representación. Tamén acompañaremos e animaremos todas as
reivindicacións das veciñas e veciños da contorna do Parque para deter esta desfeita

7.- Temos como sociedade unha responsabilidade compartida para emprender accións que
rematen con este sentimento de abandono e a resignación social contra a que xa advirten os
expertos como un problema engadido. Non imos consentir que continúe a agresión o Parque
Natural nin que siga a diminuír o potencial dun activo para o desenvolvemento socioeconómico
da comarca mentres a poboación está sendo expulsada por falta de recursos para
levar unha vida digna.